Nova: A Xunta celebra o Día da Música cun concerto no Gaiás de Fillas de Cassandra con sons que van desde a tradición galega ao clásico ou a electrónica

22/06/2023

A Xunta celebra o Día da Música cun concerto no Gaiás de Fillas de Cassandra con sons que van desde a tradición galega ao clásico ou a electrónica

O dúo vigués forma un dos proxectos de música emerxente máis prometedor, coa recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas

A actuación, que comeza ás 21,00 horas deste sábado na Praza central da Cidade da Cultura, é de balde con entrada libre

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023 A Xunta de Galicia celebra o Día da Música na Cidade da Cultura este sábado, día 24, cun concerto de Fillas de Cassandra de balde e con entrada libre. Trátase dun dos grupos de música emerxente máis prometedor do panorama galego, creado no 2021. O dúo vigués porá sobre o escenario da Praza Central do Gaiás a súa fusión de sons inspirados na música tradicional galega, con influencias do pop, a electrónica e a música clásica.

As súas emotivas e desenfadadas composicións logran conectar cun público interxeracional cun activismo feminista, levándoo por unha viaxe entre o presente e o pasado coas heroínas da mitoloxía clásica como protagonistas. O seu primeiro disco leva por título Acrópole e apóiase na percusión e en bases electrónicas que entran en harmonía coas súas coidadas voces, creando así unha atmosfera única cunha potente sonoridade.

Aínda que de recente creación, Fillas de Cassandra acumula xa unha boa cantidade de concertos en festivais como o Terraceo en Vigo, o Ikfem en Tui, o Festivala en Vilagarcía de Arousa ou recentemente O Son do Camiño en Santiago, xunto con actuacións en diferentes salas. Ademais, son gañadoras do premio Ari[t]mar á mellor música de Galicia e Mellor disco do ano con Acrópole. 

Fillas de Cassandra, que toma o seu nome da mitoloxía grega, está formado por María Pérez —artisticamente María SOA— e Sara Faro. María completou o grao profesional de piano e formouse como intérprete vocal en Madrid. Segue na actualidade con estudos musicais. Mentres, Sara comezou de pequena nun grupo de pandereiteiras do seu barrio onde aprendeu a cantar e entrou en contacto co folclore galego. Realiza estudos de dirección escénica e dramaturxia.

 

Comparte