Nova: O CGAC ofrece por primeira vez en España unha exposición da obra fotográfica do cineasta iraniano Asghar Farhadi

22/06/2023

O CGAC ofrece por primeira vez en España unha exposición da obra fotográfica do cineasta iraniano Asghar Farhadi

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación da mostra ‘Asghar Farhadu. A beirarrúa’ que pode verse desde hoxe ata o 10 de setembro

Reúne varias series fotográficas a grande escala nas que a paisaxe é o fío condutor

O auditorio do museo acolle esta tarde unha conversa pública na que participarán o artista, os comisarios da mostra e o director do CGAC

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no CGAC na presentación da exposición Asghar Farhadi. A beirarrúa, coa que a Xunta presenta por primeira vez en España o universo creativo deste cineasta e fotógrafo iraniano que situou o cinema iraniano en primeira liña da cinematografía internacional con dous premios Óscar.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a importancia desta nova exposición que converte “en pioneiro” ao CGAC e demostra “o traballo constante do museo por poñer en valor os innegables vínculos da arte contemporánea co cine como vén facendo nos seus 30 anos de vida, con numerosas exposicións que abordan esta temática, sendo unha das máis recentes a de Claudio Zulian”, expresou.

Anxo M. Lorenzo animou a visitar este verán a mostra, incluída na programación cultural do 30 aniversario do CGAC, que, grazas á “acertada montaxe e calidade das obras, permitirá coñecer aspectos descoñecidos do cineasta como artista”, indicou.

Comisariada por Zara Fernández de Moya e Ahmad Taheri, Farhadi amosa como o cine pode chegar a ser unha ferramenta de aprendizaxe e coñecemento do mundo. É unha mostra que elixe como peza central A beirarrúa, unha obra fotográfica a grande escala composta por catro murais dunha rúa de Teherán, transitada pola súa xente e que foi rexistrada ao longo de todo un ano. A proposta continúa con outras series fotográficas nas que a paisaxe é o fío condutor.

Cineasta premiado

Considerado como un dos cineastas máis singulares dos últimos anos, Asghar Farhadi é membro de honra da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España e situou o cinema iraniano en primeira liña da cinematografía internacional con dous premios Óscar á mellor película de fala non inglesa por Nader e Simin, unha separación (2012) e O viaxante (2017). En España rodou a longametraxe Todos o saben (2018), con Javier Bardem, Penélope Cruz, Ricardo Darín e Bárbara Lennie, e a súa película máis recente, Un heroe, recibiu o premio do xurado do Festival de Cannes en 2021.

A mostra conta co apoio de Morena films (España), Memento Films (Francia), Asociación MED-OCC e o Festival de Cine de Santander e poderá visitarse ata o 10 de setembro no CGAC. Como complemento á exposición, esta mesma tarde a partir das 19,00 horas terá lugar no auditorio do museo unha conversa pública na que participarán o artista Asghar Farhadi, os comisarios da mostra e o director do CGAC, Santiago Olmo.

 

Comparte