Nova: O festival Groba arranca o 12 de agosto en Ponteareas co apoio da Xunta nunha edición que reforza o seu labor pedagóxico para novos talentos

23/06/2023

O festival Groba arranca o 12 de agosto en Ponteareas co apoio da Xunta nunha edición que reforza o seu labor pedagóxico para novos talentos

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación desta iniciativa que sumará o labor educativo ao seu ciclo de concertos para todos os públicos

Ponteareas (Pontevedra), 23 de xuño de 2023. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da nova edición do Festival Groba que comezará o vindeiro 12 de agosto en Ponteareas co apoio da Xunta de Galicia e que, tras o éxito da pasada edición, repetirá o seu programa especial pedagóxico para artistas novos e estudantes, centrado na práctica da música de cámara.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fixo un recordo especial ao mestre Groba, finado o pasado ano, impulsor dunha iniciativa como esta “que ano a ano demostra o potencial da música clásica en Galicia e consolídase con novas fórmulas para achegar este xénero a máis xente”.

Valorou especialmente a súa aposta polos máis novos, na liña da liña de traballo da Xunta de Galicia por “promover o desenvolvemento artístico de músicos máis novos e apoiar aos novos talentos, un asunto que centra toda unha área de traballo do noso Plan Xeración Cultura, a folla de ruta coa que a Xunta acompaña.

O cartel deste ano do Festival Groba arrancará o 12 de agosto e estenderase ata o 18 con diferentes concertos para todos os públicos. O seu programa pedagóxico ofrecerá clases gratuítas de música de cámara impartidas polos principais artistas convidados e aos participantes daráselles a oportunidade de presentarse nalgúns dos concertos do festival, compartindo escenario cos seus mentores.

Nesta segunda edición do programa participarán 14 estudantes de música e contarase coa colaboración, entre outros, da Boston String Academy, centro de formación americano pioneiro, e a Orquestra de Cámara Galega. Incluiranse repertorios que van desde Vivaldi ou Bach ata creacións do mestre Groba e outros compositores contemporáneos doutro lado do Atlántico. Toda a información e o programa está dispoñible na páxina web do festival.

 

Comparte