Nova: Excéntricas estrea este venres en Santiago de Compostela ‘O auto do Castromil’ en coprodución co Centro Dramático Galego
04/07/2023
Excéntricas estrea este venres en Santiago de Compostela ‘O auto do Castromil’ en coprodución co Centro Dramático Galego
A obra, galardoada no III Certame Manuel María de proxectos teatrais, ofrece tres funcións no Teatro Principal e chegará á Mostra de Ribadavia o 23 de xullo
Quico Cadaval dirixe o espectáculo cun elenco conformado por Patricia Vázquez, Marcos Orsi, Rocío González e Víctor Mosqueira
Estas tres primeiras representacións son de balde previa retirada de convites
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2023
Producións Teatráis Excéntricas estrea este venres día 7 ás 20,30 horas no Teatro Principal de Santiago O auto do Castromil baixo a dirección de Quico Cadaval e en coprodución co Centro Dramático Galego. A peza, gañadora do III Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, repetirá funcións o sábado e o domingo en colaboración da Xunta de Galicia co Concello e antes de iniciar unha xira cuxas próximas paradas serán o 23 de xullo na xornada de clausura da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e o 15 de agosto na Mostra de Teatro do Cariño.
O director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, participou hoxe na presentación do espectáculo xunto ao presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede; ao director de escena Quico Cadaval, e a representantes doutras institucións patrocinadoras. No acto participou tamén gran parte do equipo da peza, conformado por Rocío González, Víctor Mosqueira, Patricia Vázquez e Marcos Orsi no elenco, Carlos Alonso a cargo da escenografía, Piti Sanz á fronte da música, ou Octavio Mas como responsable da iluminación.
En O auto do Castromil, Producións Teatráis Excéntricas propón “unha viaxe onírica” abordo dun coche de liña. Os viaxeiros dormen e, talvez, o condutor tamén durante un traxecto que traza un percorrido singular pola historia de Galicia. Durante este particular periplo, a equipaxe cobra vida. Esta é a metáfora da que Excéntricas bota man para construír un “artefacto escénico” que parte da obra Auto do Castromil ou a revolución dos baúis, escrita por Manuel María en 1992.
Colaboración coa Fundación Manuel María
O III Certame Manuel María de proxectos teatrais ten como meta difundir a dimensión dramática do poeta da Terra Cha, quen lle dá nome a este concurso destinado ás compañías profesionais galegas e que conta co apoio de múltiples concellos, de tres deputacións, das mostras de teatro tanto de Ribadavia coma de Cariño e da Xunta de Galicia, a través da unidade de produción teatral da Consellería de Cultura.
A Fundación Manuel María de Estudos Galegos puxo en marcha en 2018 este certame bienal para galardoar a mellor proposta escénica ao redor de textos do escritor de Outeiro de Rei. Ademais da implicación do Centro Dramático Galego como entidade coprodutora, o galardón contempla unha axuda económica para a compañía gañadora e representacións do espectáculo resultante nos concellos adheridos. O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia foi a obra que conquistou o concurso na súa primeira edición ao presentar un espectáculo baseado na Farsa do Bululú. Pola súa banda, as compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante uniron esforzos para facerse co certame na súa segunda edición coa peza A lúa vai encuberta.
As tres funcións en Compostela de O auto do Castromil son de balde previa retirada de convites (máximo de dous por persoa) no despacho de billetes da Zona C (rúa Preguntorio, 1) ou no do propio Teatro Principal os días das representacións (desde as 19,30 h). As entradas poden reservarse tamén previamente na web de Compostela Cultura.
O espectáculo poderá verse ata o mes de decembro nos escenarios de Sarria, Narón, Monterroso, A Pobra do Brollón, Ames, Foz, Vilalba, Ribeira, Rianxo, Arteixo, Outes, Ortigueira e O Carballiño.
Con O auto do Castromil, o Centro Dramático Galego estrea a súa quinta coprodución deste ano, despois de Canta máis luz, máis sombra, Memoria de Antígona (as dúas no marco do programa Clásicas desfeitas da Cidade da Cultura de Galicia), Fráxil. Handle With Care, con Matarile, e Ifixenia, en continuidade do proxecto europeo Nós/Nous.