Nova: O Festival Ikfem celebra a súa 11ª edición cunha vintena de propostas artísticas e musicais en Tui e Valença Do Miño co apoio da Xunta

06/07/2023

O Festival Ikfem celebra a súa 11ª edición cunha vintena de propostas artísticas e musicais en Tui e Valença Do Miño co apoio da Xunta

Entre as actividades inclúense un certame de promoción do talento local con danza, teatro, fotografía, pintura, grafiti, monólogos, videocreación ou artesanía

Desenvolverase do 20 ao 25 de xullo con accións en espazos de interese patrimonial como a Catedral de Tui ou a Igrexa de Ganfei en Portugal

 

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, participaron hoxe na presentación do Festival IKFEM que celebrará a súa 11ª edición con máis dunha vintena de actividades artísticas e musicais do 20 ao 25 de xullo en Tui e Valença do Miño co apoio da Xunta de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou a especial presenza do mundo hispano, galego e lusófono nesta nova edición, así como a capacidade do festival para “reforzar os xa sólidos lazos con Portugal” e por ser unha oportunidade para coñecer o patrimonio cultural do sudoeste de Galicia e Norte de Portugal.

Neste sentido, salientou que a maior parte das propostas poderanse gozar desde lugares de especial interese patrimonial como a Igrexa de Santo Domingo e a Catedral de Tui, así como a praza da república de Valença do Miño ou a Igrexa de Ganfei.

Anxo M. Lorenzo, animou a participar no festival e recordou que forma parte das máis de 2.500 actividades culturais que este verán promove a Xunta de Galicia en colaboración con distintos concellos e entidades baixo o lema A cultura galega é un culturON que “demostran a vitalidade do sector cultural galego”.

Variedade de propostas

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, salientou que desde Turismo de Galicia se aposta por enriquecer a oferta turística complementaria e a oferta cultural no Camiño de Santiago co apoio a iniciativas como esta.

Merelles destacou o pulo do Camiño Portugués que xa o ano pasado foi a segunda ruta máis empregada para chegar a Santiago, con máis de 93.000 peregrinos, seguindo na mesma posición no que vai de ano, no que xa máis de 39.000 peregrinos escolleron esta ruta para acadar a Compostela.

Finalmente, Xosé Manuel Merelles indicou a aposta por seguir levando a cabo actividades conxuntas con Portugal, o que repercute de maneira moi positiva aos concellos de ambos lados da fronteira.

Haberá distintos concertos e propostas artísticas en lugares como o paseo fluvial, a Catedral e a Igrexa de Santo Domingo en Tui, a praza da República, o Jardim Municipal ou a Igrexa Ganfei en en Valença, entre outras. O Festival IKFEM contará, ademais, con IKFEM Creativa, un espazo colaborativo de promoción do talento local de Galicia e norte de Portugal con música, cociña, moda, danza, teatro, fotografía, pintura, grafiti, poesía, monólogos, videocreación e artesanía.

 

Comparte