Nova: A Xunta aproba a declaración BIC do conxunto arquitectónico de Barcia de Mera, en Covelo, como mostra excepcional do barroco no rural galego

06/07/2023

A Xunta aproba a declaración BIC do conxunto arquitectónico de Barcia de Mera, en Covelo, como mostra excepcional do barroco no rural galego

  • O Consello da Xunta dá visto bo ao decreto na categoría de monumento que abrangue a igrexa parroquial, a casa reitoral, espazos anexos e bens mobles
  • Tras a súa incoación non se recibiron alegacións e obtivéronse os informes favorables da Real Academia de Belas Artes, Universidade de Vigo e Consello da Cultura Galega

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que declara Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento o conxunto parroquial de San Martiño de Barcia de Mera, en Covelo, na comarca pontevedresa da Paradanta. A declaración chega tras os informes favorables da Real Academia de Belas Artes, da Universidade de Vigo e do Consello da Cultura Galega e culmina así un proceso no que non se rexistraron alegacións. 

 

O decreto valora o valor histórico do conxunto, ao que se califica como “mostra excepcional” da arquitectura da Diocese de Tui dos séculos XVI e XVII e, por extensión, da arquitectura barroca desenvolvida no médio rural galego. Tamén se valora a “elevada calidade” de todas as construcións e o uso dunha fábrica de cantaría de granito que “lle outorga unha gran monumentalidade ao ben”.

 

Este é o primeiro paso da folla de ruta do Goberno autonómico para este conxunto xa que a Xunta de Galicia ten previsto participar tras a redacción do proxecto no que se definan os seus usos e, despois, o Concello podería acollerse ao 1,5% Cultural para acometer a rehabilitación do inmoble. Con este, declaráronse xa 107 BIC desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, o supón que Galicia teña na actualidade un total de 781.

 

Amplo conxunto

O expediente inclúe o mapa que delimita o conxunto de edificacións, construcións e terreos protexidos.  Como se explica no documento, a liña exterior do denominado igrexario de Barcia de Mera é asimilable coa parcela catastral da que é titular a Diocese de Vigo-Tui e englobaría a totalidade do conxunto parroquial.

 

Para a delimitación do contorno de protección tomouse como referencia a topografía, tratando de definir a cunca visual, e empregáronse os elementos xeográficos que constitúen límites físicos de por si, coma o río Alén, que tamén marca a división entre municipios e os camiños e estradas que acostuman separar eidos distintos e o parcelario histórico na escala máis miúda.

 

A declaración afecta a un amplo conxunto de edificacións, construcións e terreos: a igrexa parroquial, a casa reitoral, as construcións e espazos vencellados a estas, o adro da igrexa e o igrexario. Tamén se protexen total de 26 bens mobles procedentes do interior do conxunto arquitectónico de Barcia de Mera, entre os que se inclúen distintas tallas relixiosas e cruces procesionais e de relicario.

Comparte