Nova: Román Rodríguez gaba a traxectoria de Quintana Martelo como “un referente para unha xeración enteira de artistas”

06/07/2023

Román Rodríguez gaba a traxectoria de Quintana Martelo como “un referente para unha xeración enteira de artistas”

A exposición presenta unha escolma da relación do presidente da Real Academia Galega de Belas Artes co debuxo desde que tiña 10 anos

Está comisariada por Xoán Pastor e Carlos Bernárndez e inclúe 80 obras entre as que destaca o seu primeiro debuxo da Catedral de Santiago

Ribeira (A Coruña), 6 de xullo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración de Arredor do debuxo, a nova mostra do Museo do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira na que se presenta unha escolma da relación co debuxo de Manuel Quintana Martelo desde que tiña 10 anos.

O responsable da Xunta de Galicia referiuse á traxectoria de Quintana Martelo como “un referente para unha xeración enteira de artistas que conta cunha produción tan variada como enriquecedora”. “As súas obras contribuíron a renovar o imaxinario visual de Galicia cunha combinación da tradición pictórica e da ruptura creativa”, afirmou Román Rodríguez antes de salientar o seu “permanente compromiso do autor cos artistas e creadores como presidente da Real Academia Galega de Belas Artes”.

 

Neste senso, o conselleiro, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, explicou que a mostra é un percorrido “por practicamente 70 anos de creación, talento e investigación que reflicte a máxima deste artista: non conformarse co establecido e buscar sempre novos xeitos de plasmar o que nos é común”. Así, ofrécese un conxunto de obras que tecen “un relato íntimo da súa vida e obra en diferentes etapas creativas”.

 

Ata o 31 de agosto

A exposición Arredor do debuxo, comisariada por Xoán Pastor e Carlos Bernárdez, poderá visitarse no Museo do Gravado ata o 31 de agosto. Composta por aproximadamente 80 pezas, o relato expositivo ocupa as tres plantas do museo para ofrecer obras en diferentes formatos entre as que se inclúen creacións plásticas, debuxos e bosquexos.

 

Entre as pezas expostas cómpre salientar o primeiro debuxo feito por Manuel Quintana Martelo con tan só 10 anos no que se retrata a Catedral de Santiago. Ademais, nesta escolma tamén se fai referencia a distintas obras de artistas como o pintor Antón Lamazares ou o escultor Francisco Leiro.

Comparte