Nova: A Xunta e o concello de Ribadavia asinan un convenio de 60.000 € para a Mostra Internacional de Teatro
07/07/2023
A Xunta e o concello de Ribadavia asinan un convenio de 60.000 € para a Mostra Internacional de Teatro
A colaboración recoñece o papel desta iniciativa que ofrece 20 espectáculos procedentes de España, Italia, Arxentina e Portugal do 15 ao 23 de xullo
O responsable autonómico de Cultura define esta cita como o “maior proxecto” de promoción teatral histórica de Galicia, e celebra a súa capacidade extraordinaria para a “protección e promoción” do noso patrimonio artístico. Neste senso, gaba a traxectoria de case catro décadas e recoñece o seu relevante papel na axenda cultural galega e no sistema escénico da Comunidade. Cómpre lembrar que esta iniciativa forma parte das máis de 2.500 actividades culturais que este verán promove a Xunta de Galicia en colaboración con distintos concellos e entidades baixo o lema A cultura galega é un culturON.
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia celébrase do 15 ao 23 de xullo cunha vintena de espectáculos con artistas e compañías procedentes de España, Arxentina, Italia e Portugal. Entre as propostas inclúense tamén nomes da escena galega como Talía Teatro, co espectáculo A parábola do angazo; Roi Borrallas, que representará SOLO; Colectivo Glovo, coa peza Alleo ou Matarile Teatro con Fráxil. Handle with care, en coprodución co Centro Dramático Galego e o Teatro Español. Tamén estarán A Panadería, cos espectáculos As que limpan e Elisa e Marcela e Producións Teatráis Excéntricas, que clausurará a edición con O auto do Castromil, unha obra que leva a escena en coprodución co Centro Dramático Galego.