Nova: Rueda salienta a importancia do Consello da Cultura Galega no momento actual de esplendor que vive o sector cultural da comunidade

07/07/2023

Rueda salienta a importancia do Consello da Cultura Galega no momento actual de esplendor que vive o sector cultural da comunidade

Destaca a visión e o traballo desta institución por situar a cultura nun lugar prominente da nova Galicia que se comezaba a construír

Asegura que nestas catro décadas duplicáronse as persoas traballadoras no sector, así como as salas de concertos, salas de exposicións e museos, entre outros

Lembra que o Plan Xeración Cultura impulsado pola Xunta destinará este ano 34 M€ a apoiar a creación e o talento galegos
 

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o papel do Consello da Cultura Galega no actual momento de esplendor que vive o sector cultural da comunidade. Fíxoo durante o acto institucional do 40 aniversario deste órgano estatutario que soubo ver “a urxencia por situar a cultura nun lugar prominente da nova Galicia que se comezaba a construír”, destacou.

Neste sentido, o presidente da Xunta, que estivo acompañado no acto institucional deste aniversario polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou o labor deste órgano que axudou a que o número de persoas que traballan na cultura na comunidade se duplicase nestas catro décadas, a que os galegos lectores superen a media nacional e a que se duplicasen tamén as salas de concertos, salas de exposicións e museos, entre outros. “Este gran salto non tería sido posible sen o esforzo colectivo da sociedade, tamén das institucións públicas e dun organismo estatutario do que hoxe celebramos o seu 40 aniversario”, indicou.

Facendo referencia a traballos feitos por esta institución, o titular do Goberno galego destacou que o 52% das entidades culturais galegas declara que tivo un 2022 mellor ou moito mellor que o anterior, que o 47,1% das empresas e organismos culturais aumentaron os seus ingresos, e, sobre todo, que o sector cultural contempla con optimismo o 2023.
 
A Xunta esfórzase para “contribuír a que ese optimismo se manteña” a partir de seis grandes obxectivos que pasan por seguir mellorando o acceso á cultura e a promoción da lingua galega; apoiar o desenvolvemento das industrias creativas; mellorar as infraestruturas culturais; promover a creatividade, incentivar a formación dos profesionais; e actualizar os marcos normativos.

Neste sentido, Alfonso Rueda lembrou que a Xunta conta neste 2023 co Plan Xeración Cultura ao que destina 34 millóns de euros para apoiar a creación e o talento galegos a través de 57 accións e seis novos plans sectoriais e que, este mesmo verán, están programadas máis de 2.500 actividades a través da marca CulturON, que mobilizará preto de 4 M€.

“A cultura fixo a Galicia e Galicia fixo a cultura e este Consello ten esa máxima polo que penso, sinceramente, que leva 40 anos cumprindo moi axeitadamente este traballo”, indicou o presidente da Xunta.

Comparte