Nova: A Xunta renova a carteleira semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios con 176 funcións e concertos en 36 concellos

10/07/2023

A Xunta renova a carteleira semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios con 176 funcións e concertos en 36 concellos

Este circuíto de exhibición de espectáculos, financiado xunto aos municipios adheridos, amosará ata decembro as últimas propostas de compañías como Sarabela, Redrum Ibuprofeno ou Nova Galega de Danza

A Sala Bahía de Foz, con 15 funcións, é o escenario participante que ofrecerá máis citas co público dentro dunha programación global á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades achega máis de 278.000 euros

Son 76 as compañías escénicas que ofrecen 160 representacións de 93 espectáculos, en tanto que 14 formacións musicais levarán a cabo 16 actuacións

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2023 A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos xestionado pola Xunta e as administracións locais adheridas, renova a súa programación semestral con 176 funcións escénicas e musicais en 36 concellos ata final de ano. Esta carteleira, de ámbito profesional e maioritariamente de produción galega, está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades con 278.000 euros.

O novo período de actividade  está conformado por 160 representacións escénicas de 93 espectáculos (deles, 70 están dirixidos a público familiar, haberá 13 funcións de danza, nove de circo e 14 de maxia) a cargo de 76 compañías, e polos concertos de 14 formacións musicais.

Esta programación, que dá comezo esta mesma semana, súmase así este verán á oferta global pola que o Goberno galego está a impulsar máis de 2500 actividades por toda Galicia no marco da axenda conxunta CulturON, que abrangue desde os festivais de música ata as accións expositivas dos museos, pasando pola dinamización das bibliotecas ou as actividades de Cultura do Camiño ou Territorio Cultura, entre outras.

Escenarios máis activos

A Sala Bahía do Concello de Foz será o escenario que maior número de funcións programe neste segundo semestre, ao distribuír nos vindeiros meses 15 espectáculos. Pola súa banda, o Fórum Metropolitano da Coruña artellará un cartel de 13 actuacións grazas á Rede Galega de Teatros e Auditorios. A axenda da cidade herculina complétase coas cinco funcións que se poderán ver no Teatro Rosalía Castro dentro deste circuíto.

A Xunta de Galicia contribuirá a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios con 10 funcións á programación cultural do Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, con sete á do Pazo de Narón e con sete ás do Teatro Municipal de Tui, o Teatro Principal de Ourense e do Auditorio Municipal Ramón López Martínez de Boiro.

Novidades escénicas

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá as novas propostas escénicas de diferentes compañías. Así, Sarabela Teatro estreará Made in Galiza, baseada no libro de Séchu Sende, o 21 de setembro no Teatro Principal de Ourense. Pola súa banda, Ibuprofeno Teatro visitará en outubro Muros e Cangas con Deadpan Karaoke, peza dirixida por Patricia Rodríguez e protagonizada por Marián Bañobre.

Narón, Ourense e As Pontes de García Rodríguez recibirán ao longo do outono a Nova Galega de Danza e a súa proposta Berro, montaxe coa que a compañía celebrará o seu vixésimo aniversario. Redrum Teatro levará en outubro ao Pazo da Cultura de Carballo O pequeno poni, nova montaxe da compañía que trae ao galego o texto do dramaturgo Paco Bezerra.

Redrum Teatro, precisamente, será unha das compañías con maior presenza na Rede ao contar con oito funcións de catro montaxes diferentes. Do mesmo número de representacións disporá Sarabela Teatro, que ás tres que ofrecerá da xa amentada Made in Galiza cómpre sumarlles cinco de Arraianos. Estas cifras só as superará Talía Teatro cos dez pases de dúas montaxes: Unha inimiga do pobo e A parábola do angazo.

A Compañía Humana visitará sete localidades grazas á Rede Galega de Teatros e Auditorios coa súa obra Iphixenia na porta do súper, mentres que Producións Teatráis Excéntricas estará en cinco municipios, ofrecendo en tres deles a súa nova montaxe: O auto do Castromil. Este proxecto, gañador no III Certame Manuel María así como O Péndulo, de Inversa Teatro, e Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández, son as coproducións do Centro Dramático Galego que xirarán por este circuíto.

Inicio en Noia

Esta semana arrincará a programación semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios en dous municipios. O primeiro deles será Noia, que o venres ás 20,00 h. terá polas rúas da localidade a actuación itinerante Da beira da man de Pelepau. Ao día seguinte, o sábado 15 de xullo, ás 20,30 h. será Foz quen lle dea comezo ao cartel da súa Sala Bahía co espectáculo de maxia TIN, de Dani García. Foz continuará coa actividade o domingo ás 20,30 h. coa proposta de circo de Xampatito e a súa peza no patio do Colexio nº1.

 

Comparte