Nova: O Festival Hércules Brass reforza o seu peso internacional con cinco concertos no Mosteiro de San Salvador de Celanova co apoio da Xunta

13/07/2023

O Festival Hércules Brass reforza o seu peso internacional con cinco concertos no Mosteiro de San Salvador de Celanova co apoio da Xunta

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación da iniciativa que reunirá algúns dos máis destacados profesionais en instrumentos de vento-metal de distintas partes do mundo e a participación da Real Filharmonía de Galicia

Celanova (Ourense), 13 de xullo de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe a capacidade do Festival Hércules Brass “por achegar a todos os públicos a música de cámara, conseguir superarse en cada edición cun altísimo nivel de profesionais participantes, ao tempo que se consolida como un importante punto de encontro para a formación de novos músicos neste xénero musical desde o noso rural”.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades participou na presentación da nova edición desta cita que, un ano máis contará co apoio da Xunta de Galicia. A partir do 31 de xullo reunirá destacados profesionais do trombón, tuba ou trompeta de distintas partes do mundo e de orquestras como a Real Filharmonía de Galicia.  Felicitou á organización por ser quen de manter durante nove anos esta proposta cultural en Celanova e animou a participar este ano no marco das máis de 2.500 propostas que a Xunta de Galicia impulsa este verán con CulturON.  

Esta nova edición celebrarase do 31 de xullo ao 4 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A primeira a actuación será de Abraham Cupeiro, acompañado pola Banda de Música de Celanova o luns 31 de xullo ás 22,30 horas. O martes día 1 o grupo organizador Hércules Brass ofrecerá un novo repertorio coa estrea do seu novo directo ás 20,30 horas. Ao día seguinte, o mércores 2, terá lugar o recital que ofrecerá o trompetista Ole Edvard Antonsen, acompañado pola Real Filharmonía de Galicia nun programa que contará tamén con clásicos como a 5ª Sinfonía de Beethoven. 

O xoves será a quenda do grupo noruego Ole Edvard Antonsen Group no claustro do mosteiro, un show de luz e música en horario nocturno ás 22,30 horas.  O artista nórdico, ademais dunha dilatada carreira como concertista clásico, posúe unha destacada discografía de música moderna, con toques new age coa trompeta como solista. A clausura terá lugar o venres 4 de agosto, co Hércules Brass Ensemble dirixido por Ole Edvard Antonsen. Ademais de concertos, preto dun cento de estudantes completarán a súa formación musical con clases de perfeccionamento cos artistas participantes.

 

Comparte