Nova: O circuíto das feiras do libro chega a Ponteareas con máis de 30 actividades para todos os públicos

13/07/2023

O circuíto das feiras do libro chega a Ponteareas con máis de 30 actividades para todos os públicos

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na apertura desta cita da ruta impulsada pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia

 

Permanecerá aberta ao público ata o domingo nos Xardíns da Xiralda

 

Ponteareas (Pontevedra), 13 de xullo de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura da Feira do Libro de Ponteareas, décima parada do circuíto impulsado pola Administración autonómica e a Federación Librarías de Galicia que este ano percorre 14 localidades ata o mes de agosto.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades animou ao público a achegarse aos Xardíns da Xiralda para participar deste evento que congrega ata o domingo máis de 30 actividades para todos os públicos. Ao mesmo tempo, agradeceu a implicación das librarías e dos autores neste evento que está consolidado como unha das citas culturais máis importantes do verán en Galicia, que se integra nas máis de 2.500 propostas que a Xunta de Galicia impulsa estes meses con CulturON.

 

Baixo o lema Vivir dos libros, a feira do libro de Ponteareas arranca hoxe co pregón de Alfonso Pexegueiro e durante catro días concentrará múltiples actividades entre sinaturas e presentación de libros, encontros con autores e espectáculos infantís de música e narración, entre outros. O colofón final porao a Banda de Música Reveriano Soutullo cunha actuación de peche da feira o próximo domingo ás 20,00 horas.

 

Tras o seu paso por Ponteareas, o calendario continuará ata agosto con paradas en Rianxo (do 22 ao 25 de xullo),  A Coruña (do 1 ao 10 de agosto), Viveiro (do 12 ao 15), Foz (do 17 ao 20) e Monforte de Lemos (do 23 ao 26). As Feiras do Libro son unha das citas máis importantes para a promoción e divulgación da literatura e alíñanse coas medidas do Plan de Impulso ao sector do libro que este ano puxo en marcha a Xunta para reforzar o apoio ao sector.

Comparte