Nova: A Xunta contribúe á renovación da cuberta da igrexa do convento de San Francisco en Santiago de Compostela cunha achega de 350.000 euros

14/07/2023

A Xunta contribúe á renovación da cuberta da igrexa do convento de San Francisco en Santiago de Compostela cunha achega de 350.000 euros

  • O Consello da Xunta dá luz verde ao convenio entre a Consellería de Cultura e a Orde de Frades Menores da Provincia Franciscana de Santiago que supón o 40% do custo das obras que están en marcha para a conservación do inmoble
  • Substitúese a tella e placas actuais por outras novas de fibrocemento e soluciónase o sistema de evacuación de augas pluviais para evitar filtracións

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao convenio entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Orde de Frades Menores da Provincia Franciscana de Santiago coa que o Goberno autonómico impulsa a renovación da cuberta do convento de San Francisco en Santiago de Compostela cun investimento de 350.000 euros.

As actuacións deste convenio son as derivadas do Proxecto de obras de conservación da cuberta da igrexa do Convento de San Francisco de Santiago de Compostela, redactado pola Oficina Técnica do Consorcio de Santiago en 2020, cun investimento global de 868.325€, dos que a Xunta achega o 40%, é dicir, 350.000 euros.

As actuacións, que están en marcha, solucionarán o mal estado actual da cuberta do templo, con varias tellas rotas e múltiples vías de entrada de auga de choiva no baixo cuberta. Tamén hai deficiencias no sistema de evacuación de pluviais que, en moitas zonas, está obstruído. Ademais, é necesario reparar algúns danos na estrutura que a sustenta e solucionar o problema de tellas rotas ou deslizadas.

Así pois, entre os traballos retirarase a cuberta de tella e placas para incluír outras novas de fibrocemento e substituír os canlóns e baixantes actuais por outros de cobre e tanto as cornixas como o cumio executaranse dispoñendo ventilación baixo cuberta.

A igrexa actual forma parte do conxunto do convento de San Francisco, un dos 781 bens de interese cultural (BIC) cos que conta Galicia. No complexo inclúese un hotel, a capela da Orde Terceira, o seu cemiterio e as hortas, así como o museo de Terra Santa, que ocupa varias dependencias do convento e da igrexa.

Comparte