Nova: A Xunta recupera en “Nicolás Muller. Vento Norte” a ollada sobre Galicia e as rexións do cantábrico dun dos grandes fotógrafos documentais do século XX

14/07/2023

A Xunta recupera en “Nicolás Muller. Vento Norte” a ollada sobre Galicia e as rexións do cantábrico dun dos grandes fotógrafos documentais do século XX

O conselleiro subliña “a sensibilidade especial coa que Muller retrata a afouteza das xentes do campo e do mar, así como o rebulir da vida nas vilas e aldeas”

A exposición, comisariada polo fotógrafo José Ferrero en colaboración coa filla do artista, Ana Muller, poderá visitarse na Cidade da Cultura ata o 5 de novembro

‘Nicolás Muller. Vento Norte’ recupera, cos seus encadres orixinais, instantáneas tomadas nos anos 60 do pasado século que permaneceron inéditas na súa época ou foron publicadas de xeito fragmentario

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na Cidade da Cultura no acto de apertura da exposición Nicolás Muller. Vento Norte, un proxecto que revela a ollada, fondamente humanista, sobre as xentes traballadoras e as paisaxes do norte de España dun dos grandes fotógrafos documentais do pasado século.

A mostra componse de 131 imaxes pertencentes ao Museo de Bellas Artes de Asturias, o Fondo Ana Muller —filla do fotógrafo— e o Archivo Regional de la Comunidad de Madrid. A través delas trázase un percorrido xeográfico que comeza en Galicia e segue polas comunidades do Cantábrico (Asturias, Cantabria, o País Vasco e Navarra), e que se completa cunha selección dos traballos máis célebres do fotógrafo de orixe húngara.

O conselleiro de Cultura destacou a oportunidade que constitúe Nicolás Muller. Vento Norte do espello para “apreciar e revivir un anaco da nosa historia recente a través da ollada dun dos referentes da fotografía social en Europa”. Co seu obxectivo, Muller foi quen de capturar “cunha sensibilidade especial a afouteza e a dignidade das xentes traballadoras do campo e do mar, así como o rebulir da vida nas rúas e mercados de vilas e aldeas”.

Son precisamente estas escenas da vida cotiá as que a súa filla, Ana Muller, e o comisario da mostra, José Ferrero, presentes tamén no acto, recuperan para esta exposición. Román Rodríguez fixo fincapé no valioso traballo de investigación e selección realizado por ambos, que permite admirar no seu formato orixinal moitas imaxes que ben non foran publicadas na súa época ou ben se imprimiron con encadres recortados que deturparon a súa calidade e beleza inicial.

Galicia na ollada de Muller

Definitivamente instalado en España logo dun periplo que o levou desde a súa Hungría natal por Francia, Portugal e Marrocos, fuxindo da Segunda Guerra Mundial, Nicolás Muller (Hungría, 1913 – Llanes, Asturias, 2000) recibe nos anos 60 o encargo de documentar en imaxes a riqueza cultural e paisaxística de diversas rexións do país. Desa encomenda nútrese principalmente esta mostra, que pode visitarse no Museo Centro Gaiás ata o 5 de novembro.

En Galicia, Nicolás Muller retratou os traballos relacionados coa pesca nos portos de Vigo, O Grove e A Guarda, e a vida nas rúas de Santiago de Compostela, Betanzos, Combarro ou Ourense. Nenos e mulleres teñen un protagonismo particular nas súas imaxes, tamén no caso galego. Así, nas paredes do Museo Centro Gaiás podemos ver mulleres descargando o peixe, redeiras reparando aparellos da pesca, e tamén lavandeiras e mozas vendedoras nos mercados.

Con esta exposición, a Cidade da Cultura continúa a súa aposta por divulgar e poñer en valor a fotografía de autores clásicos como o propio Muller, o francés George Chevalier —na exposición Detrás do Espello, clausurada o pasado mes de marzo—, o alemán Otto Wunderlich —nas dúas mostras dedicadas en 2022 ás rutas xacobeas do Camiño Portugués e a Vía da Prata—  ou os galegos José Suárez e Baldomero Pestana, a quen o Museo Centro Gaiás dedicou dúas retrospectivas en 2015 e 2018.

Comparte