Nova: Román Rodríguez gaba a capacidade da MIT de Ribadavia para protexer e promocionar o talento escénico
15/07/2023
Román Rodríguez gaba a capacidade da MIT de Ribadavia para protexer e promocionar o talento escénico
Ribadavia (Ourense), 15 de xullo de 2023
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da 39º Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, onde gabou a capacidade “dunha das citas máis importantes da nosa axenda cultural” para “protexer e promocionar o talento escénico de Galicia e fóra dela”. “Desde hoxe, e ata o 23 de xullo, este festival converte a Ribadavia nun dos maiores escaparates para o sector escénico galego, pero tamén para o traballo feito en España, Italia, Arxentina e Portugal”, engadiu.
Durante o acto, no que tamén participou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o conselleiro lembrou o compromiso da Xunta coa Mostra Internacional de Teatro, coa que colabora a través dun convenio dotado con 60.000 €. Explicou, ademais, que esta iniciativa forma parte das máis de 2.500 actividades culturais que este verán promove a Xunta de Galicia en colaboración con distintos concellos e entidades baixo o lema A cultura galega é un culturON.