Nova: O Centro Coreográfico Galego coproducirá os novos espectáculos de danza de La Macana, de Elvi Balboa e de Cris Vilariño e Diego M. Buceta

18/07/2023

O Centro Coreográfico Galego coproducirá os novos espectáculos de danza de La Macana, de Elvi Balboa e de Cris Vilariño e Diego M. Buceta

A Xunta adxudica preto de 45.000 euros a tres proxectos a través do programa de coproducións da súa unidade de danza: ‘Sleepwalkers’, ‘Millo vello’ e ‘Anöa’

As propostas que se desenvolverán ao abeiro desta iniciativa de apoio ao sector pivotan sobre reflexións arredor da guerra, da ecodependencia e da dicotomía entre a privacidade e a esfera pública

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023 A Xunta de Galicia impulsará a través do seu Centro Coreográfico Galego os novos espectáculos de danza de Elvi Balboa, da compañía La Macana e de Cris Vilariño e Diego M. Buceta. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades adxudícalles preto de 45.000 euros a estes tres contratos, inseridos no programa de coproducións do Departamento de música e danza da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Este programa de coproducións enmárcase nos obxectivos e estratexias que se recollen no Plan integral para a danza de Galicia, a folla de ruta que o Goberno autonómico aprobou tras un proceso de diálogo co sector para dinamizar, impulsar e fortalecer esta disciplina artística no conxunto da Comunidade, así como os seus profesionais.

As novas propostas sumaranse á listaxe que a Xunta ten coproducido a través das convocatorias específicas do Centro Coreográfico Galego, programa que se desenvolve en formato de concorrencia pública por sétima edición consecutiva. Coa suma do trío de proxectos deste 2023, a nómina de montaxes supera a vintena de pezas impulsadas desde o centro institucional de danza.

Entre Europa e Xapón

A compañía La Macana será apoiada para crear Sleepwalkers mediante a categoría destinada á creación de dous espectáculos de danza en calquera das súas modalidade do programa de coproducións do Centro Coreográfico. O seu proxecto enmárcase nunha tetraloxía de espectáculos que desenvolverá esta formación no período 2023-2026, e xirará ao redor dunha dupla temática concreta e cíclica que se repite ao longo da historia: a Europa en crise e a cuestión da guerra.

La Macana contará para a súa saga escénica coa estreita colaboración da compañía danesa Mute Company Physical Theatre e do seu director Kasper Ravnhøj, que formarán equipo con Alexis Fernández e Caterina Varela. As catro pezas partirán de forma conceptual dunha famosa frase de Winston Churchill, primeiro ministro do Reino Unido durante a Segunda Guerra Mundial: “Non teño nada que ofrecer máis que sangue, esforzo, suor e bágoas”.

O outro espectáculo que coproducirá o Centro Dramático Galego a través deste apartado será Millo vello. Este proxecto conxunto de Cris Vilariño e Diego M. Buceta partirá da danza butoh, que compartirá protagonismo coa técnica física do body weather (interseccións do corpo coa súa contorna). Estes dous traballos físicos naceron en Xapón e son coetáneos no tempo. A nivel conceptual, Millo vello é un acto de resistencia poética que quere poñer sobre a mesa temas como a ecodependencia, o ritmo da vida actual ou a desconexión occidental coa realidade natural.

Compañía emerxente

O terceiro espectáculo de danza que coproducirá a Xunta será Anöa, de Elvi Balboa, a adxudicataria na modalidade de compañía emerxente. Este proxecto desenvólvese arredor de conceptos como o corpo premonitorio, o corpo climático e o corpo liberado. Anöa é unha viaxe que parte de accións cotiás moi recoñecibles para cuestionar as esferas do privado e mais do espazo público.

O apoio da Xunta ao desenvolvemento de espectáculos de danza, ademais de canalizarse a través do programa de coproducións do Centro Coreográfico, tamén inclúe as axudas á creación escénica, tanto na súa categoría especifica de montaxes de danza como na modalidade de compañías de recente creación. Na convocatoria desta liña de subvencións, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe en 2023 á creación doutros seis espectáculos.

 

Comparte