Nova: A Xunta premia as mellores curtas de animación en galego do XI Certame escolar Nós Tamén Creamos!
18/07/2023
A Xunta premia as mellores curtas de animación en galego do XI Certame escolar Nós Tamén Creamos!
Son galardoados polos seus traballos a EEI do Milladoiro, en Ames, o CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera de Ponteareas e o CEIP Padre Feijoo de Allariz
En total recibíronse 31 curtametraxes de 24 centros e, por primeira vez e debido á alta calidade propostas, outorgouse un accésit para cada categoría
O premio forma parte do programa de dinamización lingüística homónimo que o Goberno galego desenvolve coa CRTVG e OQOeditora dentro do Plan Proxecta+
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023 O certame de curtas de animación en galego Nós tamén creamos! que promove a Xunta de Galicia coa colaboración da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e de OQOeditora, xa ten gañadores. A Xunta de Galicia resolve os centros premiados da XI edición que se convoca cada ano como parte do programa de dinamización lingüística, desenvolto nas aulas de infantil e primaria no marco do Plan Proxecta+ do Goberno galego.
Este ano, no que se presentaron 31 filmes de 24 escolas distintas rodados pola cativada de tres a nove anos e os seus mestres, resultan galardoados os seguintes centros públicos: na categoría de segundo ciclo de Educación Infantil, a EEI do Milladoiro, en Ames (A Coruña) polo seu traballo Tonino. Un pingüín en Ames; na categoría de primeiro e segundo ciclo de primaria, o CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera de Ponteareas (Pontevedra), pola curta O cascabel da gata, e na categoría de terceiro e cuarto ciclo de Primaria, o CEIP Padre Feijoo de Allariz (Ourense), polo filme Sígueme.
Ademais, e por primeira vez debido á alta calidade das propostas presentadas nas últimas edicións do certame, as bases permitían a concesión dun accésit para cada categoría establecida. Deste xeito, reciben unha Mención Especial os seguintes centros: na primeira categoría, o CEE A Barcia de Santiago de Compostela (A Coruña) polo traballo Non fai falta a voz; na segunda categoría, o CEIP A Canicouva de Vigo (Pontevedra) polo vídeo A princesa do Caurel, e na terceira e última categoría o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober (Lugo) polo traballo tamén titulado A Princesa do Caurel. As curtas premiadas poderán visualizarse no Portal da Lingua Galega, na aplicación Xabarín e na sección infantil da TVG.
Os centros premiados recibirán, ademais dun lote de libros de OQOeditoria, unha subscrición anual á plataforma desta editorial con acceso a libros, filmes e outros contidos dixitais en galego e mais un agasallo da CRTVG, así como un diploma acreditativo.
Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas recibirá da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa para cada unha das súas categorías, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante.
Dinamización lingüística nas aulas
Nós tamén creamos! é un programa de dinamización lingüística que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades desenvolve nas aulas de Infantil e Primaria en colaboración coa CRTVG e OQOeditora no marco do Plan Proxecta+ do Goberno galego.
O programa, que busca fomentar o uso do galego nas aulas a través da creatividade e a incorporación das TIC, inclúe a dotación de libros para o centro educativo, así coma o asesoramento e a formación presencial e en liña do profesorado para que poida realizar nas aulas curtas de animación en galego coa técnica stop-motion baseadas en textos literarios.