Nova: A Xunta aproba unha segunda edición da súa aceleradora musical para prestarlles apoio a novos artistas e formacións emerxentes

21/07/2023

A Xunta aproba unha segunda edición da súa aceleradora musical para prestarlles apoio a novos artistas e formacións emerxentes

— A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades abrirá un novo proceso de selección dunha entidade colaboradora para darlle continuidade ao proxecto que está a ser desenvolvido na actualidade pola Fundación Paideia Galiza

— O programa contempla unha primeira fase encamiñada ao lanzamento de produtos musicais e unha segunda para a súa promoción e difusión

— Zeltia Irevire, Adrian Timms, Ani Baires, Paraíso Canto, Law, Hydn, Helena Egea, Samudra Trio, Mondra e De Ninghures conforman a primeira promoción do proxecto

A Xunta inicia o proceso para darlle continuidade ao programa da Aceleradora cultural de proxectos musicais mediante a aprobación na reunión do Consello das bases que rexerán o procedemento de selección dunha entidade colaboradora que desenvolva este proxecto de impulso ás carreiras de novos artistas e formacións musicais galegas con potencial de proxección.

 

O obxecto da colaboración é o deseño, xestión e desenvolvemento dos servizos da devandita aceleradora, que se dividen en dúas fases. A primeira dedícase aos ámbitos da consultaría e mentoring en distintas ramas do negocio musical (proposta artística, promoción e comercialización), confección de produtos musicais e deseño dun plan estratéxico para o seu lanzamento. Na segunda etapa, destinada a promoción e mercados, contémplase a participación en circuítos de concertos, festivais e espazos profesionais da industria musical, ademais dun evento final de presentación pública dos proxectos.

 

A entidade beneficiaria ten que reunir unha serie de requisitos, como non posuír ánimo de lucro, realizar a súa actividade habitual en Galicia, ter coñecemento acreditado de máis de tres anos no sector musical e probar a súa experiencia na organización de actividades formativas no emprendemento musical. Tamén debe dispoñer dun centro de traballo adecuado e coas tecnoloxías apropiadas, así como acreditar a súa solvencia económica.

 

Sinatura de convenio

A estes efectos, subscribirase un convenio de colaboración entre a beneficiaria e a Axencia Galega das Industrias Culturais, cunha duración que non poderá ser superior ao 30 de outubro de 2024. A dotación para esta convocatoria concreta, que se resolverá en concorrencia competitiva, é de 60.000 euros ao abeiro dos Fondos NextGeneration e o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea. Para a execución posterior do programa sumaráselle un novo orzamento que posibilite todas as actividades previstas.

 

Na actualidade, a aceleradora cultural de proxectos musicais está ser executada cun investimento público de 240.000 euros pola Fundación Paideia Galiza, a única que se presentou á concorrencia na posta en marcha da iniciativa en novembro de 2022. A súa actividade prolongarase ata o mes de outubro baixo o título de Sonemerxente e coa participación de 10 artistas: Zeltia Irevire, Adrian Timms, Ani Baires, Paraíso Canto, Law, Hydn, Helena Egea, Samudra Trio, Mondra e De Ninghures. Todos eles están a ser titorizados en sesións profesionais teórico-prácticas a cargo de recoñecidos especialistas e en combinación cos concertos e actuacións que están a protagonizar en eventos e festivais por toda Galicia.

 

Os obxectivos que persegue a posta en marcha da nova aceleradora de música entroncan, con dous dos eixes de actuación que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a desenvolver no marco do Plan Xeración Cultura 2023: innovación, dixitalización e modernización (eixe 3) e proxección exterior, internacionalización e formación (eixe 5).

 

Tamén aceleración escénica

Á aceleradora cultural de proxectos musicais sumaráselle outro programa similar no eido das artes escénicas, tamén posto en pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades cunha dotación de 336.000 euros a través dunha convocatoria de subvencións dirixidas a pemes, microempresas ou persoas traballadoras autónomas nos ámbitos do teatro, danza, novo circo e maxia.

 

A finalidade desta liña de axudas, actualmente en fase de resolución, é impulsar a profesionalización empresarial do sector a través de proxectos que doten as entidades subvencionadas das ferramentas necesarias para mellorar as súas habilidades emprendedoras e financeiras, impulsar a súa transformación á cultura dixital e á incorporación de novas tecnoloxías. Tamén persegue favorecer as interconexións entre as industrias culturais e con outros sectores económicos, así como favorecer o acceso ao financiamento.

 

Comparte