Nova: Titiriberia encherá Rianxo de monicreques a próxima semana con 24 funcións a cargo de 17 compañías co apoio da Xunta

21/07/2023

Titiriberia encherá Rianxo de monicreques a próxima semana con 24 funcións a cargo de 17 compañías co apoio da Xunta

O director de Industrias Culturais participa na presentación da oitava edición do encontro, unha das 10 citas escénicas ás que contribúe a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través das axudas a festivais de artes escénicas

Desenvolverase do 24 ao 30 de xullo coa estrea das novas obras das formacións galegas Trécola e Tïteres Alakrán, ademais de abordar o teatro de bonecos tradicionais de Portugal e de Brasil

Rianxo (A Coruña), 21 de xullo de 2023 Titiriberia, festival de monicreques tradicionais, celebrará en Rianxo entre o 24 e o 30 de xullo a súa oitava edición cun cartel conformado por 24 funcións que correrán a cargo de 17 compañías. Esta mostra é un dos 26 encontros beneficiarios das subvencións a festivais de música e artes escénicas da Xunta, liña de axudas á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina este ano 575.000 euros para a organización de eventos considerados estratéxicos nos seus respectivos eidos.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá na presentación do evento xunto á presidenta da asociación organizadora Morreu o Demo, Comba Campoi, e representantes doutras institucións colaboradoras. Sutil salientou a vocación de Titiriberia de lle brindar ao público unha “coidada selección” de compañías galegas referentes no noso teatro de bonecos, así como das formacións do exterior que lle outorgan un “carácter internacional” ao encontro.

O cartel inclúe este ano nomes da escena de monicreques con gran pegada na longa tradición deste xénero en Portugal e Brasil, o que segundo o representante da Xunta lle achega a Titiriberia “un gran atractivo para o público rianxeiro, mais tamén para o visitante, o cal amosa o factor dinamizador da cultura en xeral e as artes escénicas en particular como reclamo turístico”.

O responsable de Industrias Culturais puxo en valor tamén a extensión por todo o termo municipal do programa de Titiriberia, que espalla a súa actividade polas parroquias, centros culturais, rúas e praias de Rianxo. Lembrou tamén que o conxunto das súas funcións se enmarcan na axenda global coa que a Xunta impulsa este verán 2500 actividades culturais baixo o lema A cultura galega é un CulturON.

Formacións pioneiras

Titiriberia combina no seu programa a participación de formacións pioneiras do noso teatro de monicreques con compañías consolidades que seguiron en Galicia a súa estela. Así, entre as máis veteranas atopamos nomes como os dos Monicreques de Kukas, que representarán o seu Viva Vivaldi e protagonizarán unha exposición nos escaparates do comercio local; Trécola, que estreará unha coprodución co propio festival titulada Coa música a outra parte, ou Tanxarina, que levará a escena a súa lembrada peza Titiricircus.

Pola súa banda, Títeres Alakrán estreará tamén en Titiriberia O xigante Barriga Verde, espectáculo de rúa co personaxe galego de referencia no xénero dos bonecos de cachaporra nun formato de grandes dimensións; e Seisdedos dará a coñecer a súa peza O cego dos monifates: Romance de Peito Lobo.

Outras compañías galegas que pasarán por Titiriberia serán Diáspora, Larraitz Producións Artísticas, Os Monifates ou Viravolta que, xunto Vai de Roda e Títeres Alakrán, asumirán o luns 24 o pasarrúas inaugural A festa dos títeres. Esta obra e mais As Varietés de Barriga Verde, que se representará o venres 28, serán as dúas producións propias que se estreen este ano.  

Os 90 anos de Airiños

A presenza galega complétase coa histórica formación Teatro Airiños, que conmemorará o seu 90º aniversario en Titiriberia. Farao culminando o domingo 30 a xira do seu espectáculo República Sideral, texto da tamén rianxeira Esther Carrodeguas que foi merecente en 2020 do Premio Barriga Verde para textos teatrais, un dos galardóns de literatura dramática que convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais.

O programa inclúe tamén compañías procedentes do mundo lusófono como a portuguesa Red Cloud Teatro de Marionetas ou a brasileira Trapusteros, que ofrecerá un obradoiro de dramaturxia, unha exposición e un espectáculo sobre o mamulengo, xénero tradicional dos monicreques no Brasil. O cartel complétase con charlas, sesións de posfunción, outras tres mostras e talleres para a cativada dentro dos campamentos de conciliación do Concello de Rianxo.

 

Comparte