Nova: O Museo das Peregrinacións e de Santiago completa a súa programación de verán cunha exposición que retrata a pegada da Ruta Xacobea nos peregrinos

21/07/2023

O Museo das Peregrinacións e de Santiago completa a súa programación de verán cunha exposición que retrata a pegada da Ruta Xacobea nos peregrinos

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na apertura da nova mostra ‘In Itinere’ que pode visitarse ata o 29 de outubro no museo compostelán

O fotógrafo Javier Iglesias Ramos captura a través de 41 retratos como cambian os camiñantes desde Roncesvalles ata a súa chegada a Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023 O Museo das Peregrinacións e de Santiago vén de completar a súa programación de verán coa nova exposición In Itinere, na que o fotógrafo Javier Iglesias Ramos captura coa súa persoal visión a pegada que o Camiño de Santiago deixa en quen o percorre.  O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na súa apertura, onde salientou a orixinal proposta expositiva coa que se consigue “plasmar dun xeito artístico ese camiño interior que viven moitos peregrinos aos que o Camiño de Santiago lles deixa unha fonda pegada”.

Anxo M. Lorenzo referiuse tamén á traxectoria artística de Javier Iglesias Ramos que, desde os anos 90 ten realizado distintos traballos fotográficos, algúns deles premiados, moi vinculados ás perspectivas sociais. Ademais, animou a visitar esta exposición, que poderá verse durante todo o verán e que é unha das máis de 2.500 propostas que a Xunta de Galicia impulsa estes meses no marco do CulturON.

In Itinere está composta por un total de 41 fotografías nas que o autor recolle unha serie de retratos de peregrinos tanto no punto de partida do Camiño de Francés, en Roncesvalles, como na súa meta, en Santiago de Compostela.  A súa intención é captar coa súa cámara as facianas dos peregrinos para amosar que, independentemente da motivación para realizar o Camiño de Santiago, as persoas viviron un camiño interior que as transforma á súa chegada.

Javier Iglesias naceu na Baña e na súa traxectoria profesional destacan proxectos como Sahara no Corazón, sobre a vida nos campamentos de refuxiados en Tinduf, así como distintos traballos sobre a problemática da drogadición ou a violencia de xénero.

Campamentos de verán

A exposición forma parte das actividades previstas no verán no Museo das Peregrinacións e de Santiago, onde tamén se están a celebrar distintos campamentos de verán en distintas quendas con obradoiros e actividades lúdicas para nenos de entre 5 e 12 anos. Toda a programación está dispoñible na Axenda de Cultura de Galicia.

Comparte