Nova: O circuíto das Feiras do Libro chega a Rianxo con medio centenar de actividades
22/07/2023
O circuíto das Feiras do Libro chega a Rianxo con medio centenar de actividades
A cita, décima parada do circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia, permanecerá na praza de Castelao ata o martes día 25
O programa inclúe firmas de libros, espectáculos infantís, presentacións, concertos e obradoiros, entre outras propostas
Rianxo (A Coruña), 22 de xullo de 2023 O circuíto das Feiras do Libro impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías chega hoxe a Rianxo con medio centenar de actividades para todos os públicos. A cita, instalada na praza de Castelao ata o martes 25, é a décima parada desta ruta que ata o mes de agosto percorre 15 localidades.
Baixo o lema Vivir os libros, a feira arranca hoxe co pregón da escritora Arantza Portabales e a intervención musical da Agrupación Vai de Roda de Rianxo. A continuación, levarase a cabo un amplo programa de actividades que, ata o vindeiro martes día 25 de xullo, incluirá propostas como firmas de libros, espectáculos infantís, presentacións de novas publicacións, concertos ou obradoiros.
Tras o seu paso por Rianxo, o calendario continuará ata agosto con paradas na Coruña (do 1 ao 10 de agosto), Viveiro (do 12 ao 15), Foz (do 17 ao 20) e Monforte de Lemos (do 23 ao 26).
As Feiras do Libro son unha das citas culturais máis importantes do verán para a promoción e divulgación da literatura e alíñanse coas medidas do Plan de impulso ao sector do libro que este ano puxo en marcha a Consellería de Cultura para reforzar o apoio ao sector. Así mesmo, intégrase nas máis de 2.500 propostas que a Xunta impulsa coincidindo coa temporada estival a través do CulturON.