Nova: A XVII edición do Festival Música no Claustro homenaxeará en agosto o toque manual das campás, patrimonio cultural inmaterial da Unesco
27/07/2023
A XVII edición do Festival Música no Claustro homenaxeará en agosto o toque manual das campás, patrimonio cultural inmaterial da Unesco
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participa na presentación desta iniciativa que, un ano máis, conta co apoio da Xunta de Galicia
Tocaranse as campás de bronce da Catedral de Tui de xeito previo aos sete concertos que se celebrarán entre o 1 e o 7 de agosto no templo tudense
Tui (Pontevedra), 27 de xullo de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe o papel que o Festival Música no Claustro está a ter para prestixiar a música de cámara e “contribuír á salvagarda do patrimonio cultural galego nos 17 anos que leva mesturando música e patrimonio desde Tui”.
Así o manifestou durante a presentación da XVII edición desta cita que se celebrará do 1 ao 7 de agosto na Catedral de Tui, que tamén contou coa presenza do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal. Anxo M. Lorenzo tamén felicitou ao concertista e investigador tudense, Samuel Diz pola súa iniciativa e “por superarse cada ano, adaptando a oferta a todos os públicos en perfecto diálogo co valiosísimo patrimonio da Catedral e reforzando a calidade da axenda cultural do verán en Galicia”, indicou. Neste sentido, recordou que esta é unha das máis de 2.500 iniciativas que a Xunta de Galicia está impulsando este verán en distintos recunchos de Galicia no marco do CulturON.
A edición deste ano de Música no Claustro estará marcada pola recente declaración do toque manual das campás como manifestación do patrimonio cultural inmaterial da Unesco. Deste xeito, en colaboración da Asociación Campaneiros de Galicia, a organización incluirá unha intervención sonora previa aos concertos facendo vibrar o bronce das campás catedralicias.
Mestura de estilos
En total, celebraranse sete recitais nos que se poderá gozar do legado oral da música tradicional galega con Davide Salvado, do flamenco con Niño Ruben, ou dos ritmos e melodías da costa oeste de África da que provén a malinense Ballaké Sissoko. Tamén se contará coa participación do percusionista Diego Casado e co trío de jazz liderado pola saxofonista Irene Reig.
Durante estes días, a Catedral de Tui acollerá tamén dúas residencias artísticas: a da organista Silvia Márquez Chulilla e a oboísta galega Iria Folgada, que regresa ao festival para gravar o seu primeiro traballo discográfico ao carón das irmás tudenses Raquel e Sara Areal. Todos os concertos son de entrada libre.
Dentro da programación do Festival Música no Claustro inclúese, ademais, a terceira edición do Foro Profesional de Instrumentos Musicais Resonancias 23, impulsado pola Xunta a través da Fundación Artesanía de Galicia. Terá lugar os días 2 e 3 de agosto co obxectivo de achegar a profesionalización e a divulgación dos oficios artesanais nun diálogo co tecido artístico, de impulsar a investigación e a innovación no ámbito dos instrumentos musicais e de xerar un espazo de intercambio e coñecemento e de creación de sinerxías neste oficio.
A deste ano é a oitava edición consecutiva do festival que conta coa colaboración da Xunta para promover a incorporación dos oficios artesáns galegos dentro da programación deste evento musical que é xa unha cita consolidada e de referencia en Galicia. Como en anos anteriores, o Foro está comisariado polo músico e investigador Samuel Diz e centrarase na construción artesanal de instrumentos musicais con especial atención ao emprego de madeiras galegas na artesanía.