Nova: Convocado o XI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea para promover novas creacións nesta disciplina

28/07/2023

Convocado o XI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea para promover novas creacións nesta disciplina

O galardón está impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, o Festival Outono Fotográfico e a Deputación de Lugo

Co proxecto premiado editarase un libro e producirase unha exposición que se inaugurará en Lugo e itinerará durante dous anos

O prazo de presentación das obras será do 1 de setembro ao 15 de outubro
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director do Festival Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez, presentaron hoxe no CGAC o XI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un galardón impulsado pola Xunta de Galicia, o Festival Outono Fotográfico e a Deputación de Lugo co obxectivo de promover novas creacións nesta disciplina.

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou que o certame constitúe “unha plataforma para dar a coñecer o talento dos creadores que están a empregar as linguaxes fotográficas actuais para producir o seu traballo”. Así mesmo, puxo en valor o peso que adquire cada ano o premio, no que en anteriores edicións participaron autores referenciais.

O certame está dotado cun único premio que consiste na edición dun libro e na produción dunha exposición temporal que se inaugurará en Lugo e que itinerará durante dous anos. Tal e como lembrou Anxo M. Lorenzo, as exposicións que viron a luz no marco desta iniciativa en edicións anteriores percorreron diversos puntos tanto de Galicia como do resto da Península Ibérica, entre eles Vigo, A Coruña, Ferrol, Segovia, Valladolid, Braga e Lisboa. Ademais, algunhas das mostras chegaron tamén a Fortaleza (Brasil), Atenas (Grecia), París (Francia) e Oslo (Noruega).

Proxectos feitos a partir de outubro de 2013

Os interesados en participar deberán enviar a súa solicitude entre o 1 de setembro e o 15 de outubro deste ano. Só se poderán enviar proxectos realizados entre outubro de 2013 e outubro de 2023, e que non foran subvencionados ou recibisen unha bolsa na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquera soporte. Respecto do tema e mais da técnica terán absoluta liberdade.

Comparte