Nova: A Xunta completa a restauración da locomotora coñecida como Sarita que poderá visitarse na Fundación Camilo José Cela a partir de setembro

28/07/2023

A Xunta completa a restauración da locomotora coñecida como Sarita que poderá visitarse na Fundación Camilo José Cela a partir de setembro

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou o centro con motivo da reunión do Padroado e comprobou o resultado das actuacións

Tras rematar a limpeza e saneamento da estrutura, ultímanse os traballos para realizar unha cuberta que a protexa e permitir a musealización
 

Padrón (A Coruña), 28 de agosto de 2023 A Xunta de Galicia rematou a rehabilitación da locomotora coñecida como Sarita situada no Museo do Ferrocarril John Trulock -espazo que forma parte do Museo Camilo José Cela- coa intención de incorporala á museografía exterior da Fundación a partir de setembro. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o museo, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, con motivo da reunión do seu padroado, onde puido comprobar o resultado das actuacións.

Cun investimento de máis de 45.000 euros, realizouse unha limpeza e saneamento da estrutura e agora estase ultimando unha cuberta que a protexa das inclemencias meteorolóxicas e facilite a súa observación. Tamén foi restaurada a cabina de condución e a cuberta do teito foi reconstruída totalmente por un taboleiro composto de partículas de madeira e resinas de alta densidade. 

Por último, restauráronse e limpáronse todas as pezas de bronce como bucinas, reloxos de presión e temperatura, tubaxes de canalización de vapor e auga e o sombrerete superior da cheminea.

Os focos situados nas partes dianteira e traseira tamén foron sometidos a un proceso de recuperación e colocáronse novas barras de pasamáns de aceiro inoxidable pulido sen brillo. En definitiva, a Sarita foi desmontada, restaurada peza a peza, imprimada e pintada de novo coas cores orixinais de fábrica.

 

Comparte