Nova: Ata 12 creadores poderán participar nas residencias literarias na illa de San Simón, unha das novas accións do plan de impulso ao libro galego da Xunta

07/08/2023

Ata 12 creadores poderán participar nas residencias literarias na illa de San Simón, unha das novas accións do plan de impulso ao libro galego da Xunta

Con esta iniciativa, a Consellería de Cultura quere apoiar a creación literaria dunha ducia de persoas fornecéndolles unhas condicións idóneas para o proceso

As estadías terán unha duración mínima de 15 días e máxima dun mes e desenvolveranse entre setembro e novembro

A iniciativa forma parte da liña de apoio á creación dotada con 3 millóns de euros para facilitar que o sector se adapte ás novas realizades e fidelizar lectores

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2023 Un total de 12 creadores poderán participar nas residencias literarias na Illa de San Simón que vén de convocar a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, unha das novas accións contempladas no Plan de impulso ao libro galego, aprobado recentemente no Consello da Xunta.

Con esta iniciativa, a Xunta quere apoiar a creación literaria dunha ducia de persoas fornecéndolles unhas condicións idóneas a través dunha estadía na illa pontevedresa de entre 15 días e un mes como máximo. As residencias celebraranse nos meses de setembro, outubro e novembro e incluirán o aloxamento dos beneficiarios en réxime de pensión completa na Residencia Stella Maris da Illa de San Simón, en cuarto individual con espazo de traballo propio. Os participantes disporán, así mesmo, de espazos comúns de traballo, con varias estancias con conexión a internet e os medios técnicos e materiais básicos para o desenvolvemento do traballo creativo.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de setembro. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar unha única candidatura acompañada dun documento (máximo de 10 páxinas) que deberá incluír a explicación do proxecto de creación literaria que desenvolverá na residencia, xénero, idioma da obra, currículo do aspirante, expediente artístico e carta de motivación, entre outros detalles.

Plan Xeración Cultura

Cun orzamento de 3 millóns de euros, o Plan de impulso ao libro galego inclúe tanto medidas consolidadas como outras 11 novas iniciativas, entre elas esta. O obxectivo é permitir ao sector adaptarse á transformación dixital, adecuarse ás novas realidades de consumo e crear e fidelizar lectores. As accións abarcan cinco áreas: o apoio á creación (na que se enmarcan estas residencias), o impulso á edición e distribución, a proxección exterior, a difusión e o apoio ás bibliotecas públicas.

Este plan é un dos seis que conforman o Plan Xeración Cultura, a folla de ruta dotada de 34 millóns de euros para reforzar con novas iniciativas o momento de creación e expansión do sector cultural galego e xuntar esforzos desde a colaboración público-privada para a xeración de riqueza.

Comparte