Nova: A Consellería de Cultura aposta pola coreógrafa Kirenia Martínez como nova directora do festival Escenas do Cambio do Gaiás

10/08/2023

A Consellería de Cultura aposta pola coreógrafa Kirenia Martínez como nova directora do festival Escenas do Cambio do Gaiás

A tamén mediadora cultural dirixirá a décima edición dun certame que aposta pola escena contemporánea mesturando un compromiso coa creación galega e unha vocación internacional

A Xunta de Galicia agradece o labor de Lola Correa á fronte das tres últimas edicións, período no que o festival se comprometeu no só coa exhibición, senón tamén coa produción de pezas propias

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2023 A Consellería de Cultura vén de designar á coreógrafa e mediadora cultural Kirenia Martínez (Cuba, 1980) como nova directora artística de Escenas do cambio, o festival de teatro, danza e arte en acción que ten lugar na Cidade da Cultura e que o próximo ano celebrará a súa décima edición.

Con máis de 20 anos de experiencia —19 deles residindo en Galicia— e unha longa traxectoria artística, a tamén bailarina e fundadora de Kirenia Danza substitúe a Lola Correa, a quen a Consellería de Cultura agradece o seu importante labor á fronte de Escenas do cambio.

Ao longo das súas tres edicións como directora artística -tomando o relevo a Pablo Fidalgo, primeiro director de Escenas do cambio-, Correa destacou pola aposta pola escena contemporánea galega, por fomentar a creación coa estrea de pezas producidas ad hoc para o festival e pola comprensión da arquitectura do Gaiás, con fermosas propostas itinerantes deseñadas pensando en aproveitar todas as posibilidades dos singulares espazos da Cidade da Cultura.

Bailarina e coreógrafa

Kirenia Martínez é unha bailarina, coreógrafa e mediadora cultural nada en Cuba que conta cunha extensa traxectoria en varios países. As súas creacións foron presentadas en Cuba, Bélxica, Suecia, Alemaña, Brasil, Luxemburgo, Francia, Italia, Brasil ou Inglaterra. Actualmente, ademais do desenvolvemento das súas compañías en Galicia, segue colaborando en varios proxectos de investigación coreográfica, literaria e audiovisual con entidades de recoñecido prestixio.



Posúe o título de Nivel Medio Superior de Educación Técnica Profesional, na especialidade de Actuación, pola Escola Nacional de Arte de Cuba (2000) e o título de 1º Nivel de Bailarina de Danza Contemporánea polo Ministerio de Cultura de Cuba (2001).



É directora da Compañía Kirenia Danza desde o 2019 e codirectora da Compañía Entremáns desde 2005. A nova responsable artística de Escenas do Cambio tamén exerce de codirectora do festival Quincegotas da Coruña e dirixe o festival Danzar o Camiño desde o 2021, ademais de coordinar o proxecto de Mediación Cultural do Teatro Rosalía de Castro (2023).

Aposta polas artes escénicas de vangarda

Impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e coa implicación de diversas entidades e institucións, Escenas do cambio trae en cada edición propostas artísticas de vangarda, materializando o compromiso continuo do Goberno galego coa creación escénica contemporánea. Un compromiso que fai especial fincapé no talento xurdido en Galicia, dotando ademais ao certame dunha dimensión internacional.

Comparte