Nova: A Xunta achega 25 actuacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios á axenda cultural da Mariña neste segundo semestre
11/08/2023
A Xunta achega 25 actuacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios á axenda cultural da Mariña neste segundo semestre
A Banda do Verán actúa este luns 14 en Foz, que acolle 15 representacións artísticas ata finais de ano como parte deste circuíto de espectáculos financiado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto a 40 concellos
A carteleira semestral distribúe outras 10 citas escénicas e musicais entre Burela, Ribadeo e Viveiro
A programación reforzouse este verán con 17 funcións do ciclo Cultura no Camiño en Barreiros, Mondoñedo e Trabada
Ademais, este verán a oferta cultural da comarca intensifícase con 17 citas do ciclo Cultura no Camiño nos concellos de Barreiros, Mondoñedo e Trabada, todas elas no marco da axenda de 2500 actividades que está a impulsar a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades baixo o lema A Cultura de Galicia é un CulturON.
Agosto en Foz
No caso da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Foz é o municipio mariñán que concentra maior número de representacións neste segundo semestre, cunha carteleira de 15 espectáculos entre os meses de xullo e decembro. Tras as actuacións durante o mes pasado de Dani García, Xampatito Pato, Inventi Teatro e Ghazafelhos, a actividade continúa en agosto co espectáculo musical A casa do terror, a cargo de A Banda do Verán de Xoán Curiel este luns 14 ás 20,30 h. na praza Conde de Fontao. O martes 22 á mesma hora será a quenda do Mago Rafa coa montaxe Experiencias no pavillón do Colexio Público nº 1.
A Sala Bahía será o escenario no que se desenvolverán os espectáculos restantes. Alí, Teatro do Noroeste ofrecerá o 14 de setembro dous pases da súa obra Feirantes, e Ibuprofeno Teatro chegará o 20 de outubro con Smoke on the Water, obra pola que Josito Porto gañou este ano o Premio María Casares a mellor actor protagonista.
Xa en novembro, a Sala Bahía ofrecerá cinco montaxes dentro do circuíto autonómico. Os venres 3 e 10 resérvanse para a danza da man de LAD Dance Company con Qualia e Marta Alonso Tejada con Bailar agora, mentres que o día 12 será a quenda de N+1 con Divertimentos, o 16 a de Talía Teatro con Unha inimiga do pobo e o 24 a de Compañía Humana con Iphixenia na porta do súper. Por último, o 3 de decembro Os Náufragos brindaralle ao público infantil a súa obra Hugo.
Burela e Ribadeo
A Casa da Cultura de Burela agardará a outubro para lle dar inicio á súa carteleira de catro espectáculos dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Farao con Talía Teatro, encargada de abrir a actividade o día 13 con A parábola do angazo. A seguinte cita correrá a cargo de Airiños da Febra, que actuará o 21 de outubro. Nas dúas seguintes funcións, a maxia será a protagonista con Experiencias do Mago Rafa o día 28 de outubro e Rock and Magic do Mago Teto o 4 de novembro.
Pola súa banda, o Auditorio Municipal de Ribadeo, que concentrou a meirande parte da súa programación en rede durante o primeiro semestre do ano, acollerá o 19 de novembro a obra Rara Avis, de Lîlâ Teatro.
Cinco citas en Viveiro
Tamén en novembro, dará comezo o segundo período de programación anual da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. A primeira función celebrarase o día 4 con Crisálida de Caramuxo Teatro. O día 11 chegará Inconstantes Teatro con Hasta que la muerte nos separe e o 25 Contraproducións representará Entrega en man.
En decembro, Teatro do Noroeste actuará o día 2 con Último verán en Santa Cristina e Malasombra poralle o colofón á carteleira en Viveiro o día 9 con Os Fabulosos Cleaners.
Cultura no Camiño en Mondoñedo e Trabada
En canto á oferta de Cultura no Camiño na Mariña lucense, que arrancou xa a mediados de xuño en Barreiros, mañá pola tarde estarán en Mondoñedo os monicreques de Mircromina con Raio the loubicán na praza do Seminario e, xa pola noite, o grupo Louband tocará na praza do Concello. Mircromina actuará tamén o domingo con A familia unida.
En Trabada, a programación do ciclo promovido pola Xunta de Galicia concéntrase nos primeiros días semana que vén na praza do Concello, onde o luns 14 Teatro ó Cubo representará Ghop!, o martes 15 estará Pakolas co seu espectáculo Rockeando coa Ramona pequena e o mércores 16 tocará Uxía Lambona e a Banda Molona. As tres actuacións están programadas ás 18,00 h.