Nova: O Gaiás despedirá o verán cunha nova edición de Cidade Imaxinaria, que ofrecerá unha vintena de espectáculos de teatro, maxia e circo de artistas nacionais e internacionais

17/08/2023

O Gaiás despedirá o verán cunha nova edición de Cidade Imaxinaria, que ofrecerá unha vintena de espectáculos de teatro, maxia e circo de artistas nacionais e internacionais

  • Con 10 edicións ás súas costas, esta cita clásica da programación familiar da Xunta de Galicia retorna o sábado 9 de setembro cunha xornada repleta de actividades ao aire libre e de balde que mergullarán ao público na maxia e fantasía do circo
  • Funcións de novo circo, clown, malabares, espectáculos acrobáticos, teatro de rúa, escoliña de saltimbanquis, xogos de enxeño ou unha exhibición de papaventos compoñen un intenso programa con compañías de catro países

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2023.- A Xunta de Galicia convida as familias a gozar este verán dunha das citas clásicas do Gaiás, Cidade imaxinaria, que regresa tras un parón ocasionado pola pandemia. Esta xornada lúdica e familiar que enche de fantasía a Cidade da Cultura volve celebrarse este ano o sábado 9 de setembro cunha proposta de xogos e espectáculos para mergullar a pequenos e maiores na maxia e ilusión do circo.

Desde as 11,00 ata as 20,30 horas, malabaristas, trapecistas, equilibristas, saltimbanquis e clowns conquistarán todos os recunchos da Cidade da Cultura, compartindo espazo e programación con xogos de enxeño, teatro de rúa, e instalacións de gran formato que transportarán aos máis pequenos e pequenas a mundos soñados.

En total, serán unha vintena de compañías —procedentes de Bélxica, Italia, Portugal, Valencia, Cataluña, Madrid e Galicia— con outras tantas propostas lúdicas ao longo de toda a xornada. Trátase dun completo programa, ao aire libre e de balde, co que o Gaiás despedirá a súa programación do verán a só dous días do comezo do curso escolar

Cita clásica do Gaiás

Celebrada entre 2011 e 2019, a Cidade imaxinaria é unha das citas clásicas da programación infantil do Gaiás, que congregou milleiros de familias ao longo das súas doce edicións. Tras un parón provocado en 2020 pola pandemia, o evento regresa ao grande en 2023 nun formato de xornada completa e numerosos espectáculos que se sucederán en diferentes puntos dos exteriores da Cidade da Cultura.

O Gaiás acollerá así funcións de novo circo, clown, malabares e espectaculares coreografías con acrobacias aéreas para cortar o alento. Divertidas actuacións itinerantes, unha escoliña de saltimbanquis para a cativada, exhibición de papaventos, xogos de enxeño e habilidade, e un espazo sensorial para bebés de 0 a 3 anos completan esta oferta de ocio familiar da Cidade imaxinaria na que, ademais, se habilitarán zonas para repor enerxías con postos de bebida e petiscos doces e salgados para o xantar e a merenda.

Comparte