Nova: A Xunta contribúe á oferta cultural deste semestre nos concellos da Ría de Arousa con 15 espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios

22/08/2023

A Xunta contribúe á oferta cultural deste semestre nos concellos da Ría de Arousa con 15 espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Brais das Hortas actúa mañá en Boiro, que acolle sete representacións artísticas ata fin de ano como parte deste circuíto autonómico cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto ás 40 entidades locais adheridas

 

Vilagarcía de Arousa iniciará o segundo período de programación anual en setembro con catro funcións e Cambados ofrecerá outras catro entre outubro e novembro

 

A programación reforzouse este verán con 34 citas do ciclo ‘Cultura no Camiño’ en 10 concellos da contorna

 

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2023 A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de espectáculos cofinanciado pola Xunta de Galicia e 40 entidades locais adheridas, contríbúe á axenda cultural deste semestre nos concellos da ría de Arousa con 15 funcións escénicas e musicais en Boiro, Vilagarcía de Arousa e Cambados.

Ademais, este verán a oferta intensificouse coas 34 citas do ciclo Cultura no Camiño nos 10 municipios a ambas as beiras da ría arousá, todas elas no marco da axenda de 2.500 actividades que está a impulsar a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades baixo o lema A Cultura de Galicia é un CulturON.

Música para toda a familia en Boiro

En canto á Rede Galega de Teatros e Auditorios, Boiro é o concello que concentra maior número de propostas, cunha carteleira de sete citas que deron comezo xa o mes pasado. Así, tras as actuacións de Sempre Arriba e de María da Pontragha, a programación retómase mañá mesmo co Consertasso na horta de Brais das Hortas, espectáculo musical para público familiar que poderá verse ás 12,00 h. no parque da Cachada.

Xa en outubro, o día 20 será a quenda de Píscore e a peza Molto Barroco na Casa da Cultura Ramón Martínez López . O 3 de novembro a Compañía Humana representará nese mesmo escenario Iphixenia na porta do súper, mentres que para decembro están programadas as montaxes Soños de Artefeito o día 1 e Crisálida de Caramuxo o día 8.

Vilagarcía e Cambados

Caramuxo será precisamente a encargada de abrir en setembro a carteleira organizada polo Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa baixo o paraugas da Rede Galega de Teatro e Auditorios. Será o día 23 con A nena que vivía nunha caixa de mistos, mentres que o día 30 subirá a escena Amorodio Teatro coa obra A nai.

Producións Teatrais Excéntricas representará en Vilagarcía O porco de pé o 11 de outubro, mentres que Diego Anido estará no Auditorio o 25 de novembro con O deus do pop.

Pola súa banda, o Auditorio da Xuventude de Cambados concentra a oferta dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios nos últimos meses do ano. A primeira cita chegará o 12 de novembro co concerto de Tomás Porteiro Trío e continuará unha semana despois, o domingo 19, coa compañía Elefante Elegante e a súa produción Alma de tigre. O 26 dese mes reservarase á danza con Sofá, de Marta Alonso Tejada. O 3 de decembro, Contraproducións pechará esta axenda en Cambados con Entrega en man.  

As devanditas 15 actuacións intégranse na carteleira global da Rede Galega de Teatros e Auditorios para o segundo semestre deste 2023, que inclúe 176 actuacións artísticas en 36 dos concellos adheridos. Ata final de ano, actuarán 76 compañías escénicas para ofrecer 160 representacións de 93 espectáculos e 14 formacións musicais para levar a cabo 16 concertos.  

Polo que respecta á programación ao abeiro do ciclo estival da Xunta Cultura no Camiño, Vilanova de Arousa e O Grove acollerán as dúas últimas funcións das 34 programadas este ano nas localidades da ría de Arousa. Terán lugar o 27 de agosto no Xardín Umbrío de Vilanova co espectáculo musical Cortando fíos, de Tanto nos Ten, e o 29 deste mesmo mes na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey co Mago Pedro Bugarín.

 

Comparte