Nova: O circuíto de feiras do libro de Galicia fai a súa última parada en Monforte de Lemos coa participación de media ducia de librarías ata o sábado
23/08/2023
O circuíto de feiras do libro de Galicia fai a súa última parada en Monforte de Lemos coa participación de media ducia de librarías ata o sábado
Anxo M. Lorenzo valora moi positivamente a “participación activa” tanto dos visitantes como dos libreiros nas 14 feiras que se celebraron desde o mes de abril
Salienta a eficacia desta iniciativa que se completa coas medidas de apoio da Xunta no Plan Xeración Cultura para impulsar a lectura e a actividade profesional do sector
Situada na rúa do Cardeal, a programación inclúe unha ampla variedade de actividades, entre sinaturas de libros, presentacións e actividades infantís
Monforte de Lemos (Lugo), 23 de agosto de 2023
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura da Feira do Libro de Monforte de Lemos, a última das citas do circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías para impulsar a actividade do sector que percorreu 14 concellos galegos desde abril.
Anxo M. Lorenzo valorou “moi positivamente” a resposta tanto do público como dos libreiros nas distintas citas que se celebraron en Galicia desde o mes de abril e que constatan “o bo momento do sector literario”. Referiuse aos últimos datos do Comercio Interior do Libro en España que falan dun incremento de máis do 8% da edición en galego o ano pasado “e tamén un aumento nas vendas de libros en papel de case o 6%”.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades falou tamén da “eficacia” das feiras do libro que son froito dunha “relación consolidada” entre a Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia e que se completa con outras iniciativas que está a impulsar o Goberno autonómico. Aludiu, en concreto, ás liñas de apoio incluídas no Plan de impulso ao libro galego para facilitar a transformación dixital, adecuarse ás novas realidades de consumo e crear e fidelizar lectores.
Programación de ‘CulturON’
Anxo M. Lorenzo animou a participar na feira do Libro de Monforte de Lemos, unha das nas máis de 2.500 propostas que a Xunta impulsa coincidindo coa temporada estival a través do CulturON. Tras o pregón do escritor Francisco Narla ata o 26 de agosto, media ducia de librarías ofrecerán parte do seu catálogo de publicacións.
A programación paralela inclúe sinaturas, presentacións de libros e actividades para todos os públicos, con especial atención aos máis pequenos. Monforte de Lemos é a última parada das 14 celebradas este ano en Ferrol, Santiago de Compostela, O Porriño, Lugo, Vilalba, Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro e Foz.