Nova: O Festival dos Eidos reivindica a cultura como dinamizadora do rural co apoio do programa da Xunta Territorio cultura

25/08/2023

O Festival dos Eidos reivindica a cultura como dinamizadora do rural co apoio do programa da Xunta Territorio cultura

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participa na inauguración da oitava edición deste encontro multidisplinar, que se desenvolve ata o domingo na sede da Fundación Uxío Novoneyra en Folgoso do Courel

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades colabora con diferentes accións asociadas ao evento a través das axudas para ampliar e descentralizar a oferta cultural máis alá dos núcleos urbanos

Folgoso do Courel (Lugo), 25 de agosto de 2023 O Festival dos Eidos celebra desde hoxe e ata o domingo a súa oitava edición na aldea de Parada, en Folgoso do Courel, desde onde volve apostar pola cultura como motor de dinamización do rural a través dunha oferta multidisciplinar coa poesía como fío condutor. Un ano máis, a Fundación Uxío Novoneyra conta co apoio económico da Xunta de Galicia na organización do evento e, en concreto, da programación expandida que leva desenvolvendo durante todo agosto en diferentes punto da montaña lucense.

Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na xornada inaugural do festival, durante a que se deu conta, así mesmo, das diferentes accións subvencionadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través do programa Territorio Cultura para ampliar e descentralizar a oferta cultural máis alá dos núcleos urbanos.

Accións en 85 concellos do rural

O representante da Xunta detallou que a proposta do Festival dos Eidos foi unha das 15 beneficiarias da segunda convocatoria destas axudas, xestionadas ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos fondos Next Generation EU. A través deste fondo, son xa 1,3 millóns de euros os adxudicados entre 2022 e 2023 tanto a entidades locais como a empresas privadas para o desenvolvemento dunha trintena de propostas en 85 concellos.

Para Sutil, o proxecto presentado pola Fundación Uxío Novoneyra encaixa á perfección cos valores que impulsa a Xunta a través de Territorio Cultura non só no sentido de ampliar cuantitativa e cualitativamente a oferta cultural no rural, senón tamén de impulsar a cultura como motor de revitalización reforzando as capacidades do sector para acadar un tecido sólido máis alá dos grandes núcleos urbanos.

Ademais, con esta colaboración, a Xunta suma o Festival dos Eidos á axenda global de máis de 2500 actividades culturais que está a impulsar este verán baixo o lema A cultura en Galicia é un CulturON.

Entre as accións desenvolvidas de xeito previo ao festival que arranca hoxe, atópanse a Ruta Ámeto Mítico entre O Cebreiro e Pacios, o ciclo Lecturas habitadas que tivo lugar na propia Fundación Uxío Novoneyra e o Laboratorio veciñal que se levou a cabo en Becerreá. A programación expandida culminou este mediodía co Encontro Europa Creativa, dando paso xa pola tarde á apertura do Eidosfest ao público coa inauguración da exposición Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes, do fotógrafo Federico García-Cabezón, e o espectáculo A Faia de Ponto cos poetas Alba Cid e Estevo Creus en diálogo co músico Xosé Miguélez.

Nesta oitava edición, prográmanse tamén as accións poéticas Em torno da árvore, estendia-se o jardim nascente, con Eva Valle, Nieves Neira Roca, María Grandío, María Corral Fernández e Beatriz Rodríguez Morales, e Nós herdámos as margens: dos Eidos de Uxío ao rio da escrita de Llansol, con João Barrento, así como recitais de Chus Pato, Eva Veiga, Ana Romaní e Marina Oroza.

Concertos e sesións DJ

No apartado musical, hoxe tocan Xackal, Ataque Escampe e Jas Processor, quen tamén ofrecerá unha sesión o domingo, mentres que mañá será a quenda de Río Lagares, Rhome, Radio Océano e DJ Tristón.

Outras propostas destacadas do programa que se desenvolve en diferentes localizacións da aldea natal de Uxío Novoneyra son a proxección do filme Zumiriki, unha ruta pola paisaxe sonora da contorna e outra de avistamento de aves.

Comparte