Nova: Rehabilitación da casa reitoral de Santo André de Camporredondo para converterse no Museo do Viño de Galicia
10/04/2015
Rehabilitación da casa reitoral de Santo André de Camporredondo para converterse no Museo do Viño de Galicia
A previsión é que neste espazo se poidan organizar actividades científicas, formativas, divulgativas e de lecer que incrementen e favorezan o coñecemento da cultura da vide e o viño
Santiago, 10 de abril de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a formalización do contrato de obras de reparación para a posta en funcionamento da casa reitoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia (Ourense), como Museo do Viño de Galicia. As obras, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), teñen un prazo de execución de 2 meses e supoñen no seu conxunto un investimento de 140.652,65 euros.
A constitución do Museo do Viño de Galicia neste espazo ten como obxectivo a recuperación, incremento, conservación, documentación, investigación, exhibición e difusión, de maneira científica e didáctica, do patrimonio cultural de carácter e interese vitivinícola que distinguen ás terras viñadoras de Galicia, incorporando os fondos históricos e etnográficos. A previsión é, ademais, que neste espazo se poidan organizar actividades científicas, formativas, divulgativas e de lecer que incrementen e favorezan o coñecemento da cultura da vide e o viño de Galicia.
A rehabilitación da casa reitoral é un novo paso para a conversión deste espazo en museo, un proxecto que xa conta con Plan museolóxico e Proxecto Museográfico. A resolución do contrato pode consultarse no enderezo web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150410/AnuncioG0164-270315-0001_gl.html.