Nova: A Xunta promove actividades de reciclaxe e prácticas sostibles entre os asistentes ao ‘Festival da luz’
26/08/2023
A Xunta promove actividades de reciclaxe e prácticas sostibles entre os asistentes ao ‘Festival da luz’
Durante a fin de semana prevense accións divulgativas en materia de residuos, repartirase merchandising entre o público, haberá zona de aparcamento para vehículos eléctricos con 12 puntos de recarga e a área infantil funcionará só con enerxía solar
Boimorto (A Coruña), 26 de agosto de 2023
A Xunta de Galicia promoverá esta fin de semana diferentes actividades informativas relacionadas coa separación e reciclaxe de residuos e outras prácticas sostibles no marco do Festival da luz, un evento musical e social de carácter solidario e moi implicado co respecto á contorna que promove desde hai máis dunha década a artista Luz Casal no seu municipio natal, Boimorto.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, achegouse este mediodía ao posto informativo instalado un ano máis polo seu departamento dentro do recinto, onde tivo ocasión de participar na actividade lúdica e divulgativa Aventura Plástica, dirixida ao público infantil.
De feito, tanto hoxe como mañá (segunda e terceira xornada de concertos) están previstas varias accións informativas relacionadas cos residuos, o reparto de merchandising entre as persoas que se acheguen a informarse e a celebración de xogos e talleres dirixidos tanto a nenos como a adultos para aprender a reciclar ou compostar co obxectivo de espertar a conciencia ambiental dos participantes. Ademais, no stand hai dispoñibles tres bicicletas con sistema dinamo para que as persoas que o desexen poidan achegarse e recargar os seus teléfonos móbiles pedaleando.
Entre as novidades a destacar da colaboración da Vicepresidencia Segunda co Festival da luz deste ano cómpre citar tamén a habilitación dunha zona de aparcamento exclusiva para vehículos eléctricos con 12 puntos de recarga dispoñibles, así como a instalación por todo o recinto de 40 contedores 100% reciclables, co que se busca reducir a pegada ecolóxica deste tipo de instalacións e facilitar a separación dos diferentes tipos de residuos que se xeran neste tipo de festivais.
Ademais, a área infantil reservada pola organización para concentrar as actividades dirixidas a nenos e nenas subminístrase única e exclusivamente de enerxía solar, unha acción coa que se busca promover a concienciación ecolóxica das novas xeracións. De feito, é a primeira vez en Galicia que unha área completa dentro dun festival de gran formato como este funciona unicamente con enerxías renovables.
Colaboración doutros departamentos
O festival de Boimorto conta tamén coa implicación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que contribúe dobremente á súa organización. Dunha banda, mediante o apoio conxunto ao talento musical galego no escenario Sonemerxente, que este mediodía visitou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil. Nel tocarán entre hoxe e mañá os 10 artistas e grupos emerxentes da aceleradora de proxectos musicais que a Xunta desenvolve en colaboración coa Fundación Paideia: Paraíso Canto, Samudra Trío, Zeltia Irevire, De Ninghures, Adrian Timms, Hydn, Ani Baires, Helena Egea, Law e Mondra.
Doutra, a través da convocatoria anual de subvencións para festivais de música e de artes escénicas, que en 2023 distribúe a súa dotación de 575.000 euros entre 26 eventos de toda Galicia. O evento súmase deste xeito á axenda global de máis de 2500 actividades culturais que o Goberno galego impulsa este verán baixo o lema A cultura en Galicia é un CulturON.
Ademais da música en directo, o Festival da Luz caracterízase por albergar espazos destinados á gastronomía, á artesanía, ao deporte ou a actividades infantís, tendo en conta que se trata dun evento de carácter familiar no que se pon en valor o rural galego.
Neste sentido, a Consellería do Medio Rural participa tamén no evento este ano cun posto da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para poñer en valor os produtos gastronómicos con indicativo de calidade.