Nova: O Festival Agustín Magán arranca o sábado en Santiago co apoio da Xunta e contará con espectáculos de seis grupos de teatro afeccionado
30/08/2023
O Festival Agustín Magán arranca o sábado en Santiago co apoio da Xunta e contará con espectáculos de seis grupos de teatro afeccionado
O Salón Teatro, o Teatro Principal e o Centro Sociocultural de Santa Marta acollerán a programación que inclúe tamén un obradoiro para a creación de máscaras
Anxo M. Lorenzo referiuse ao incremento dun 12% na colaboración con Fegatea para “impulsar a importante actividade do teatro afeccionado que se desenvolve en Galicia”
Desfeita Teatro, Teatro de Cámara Ditea, Hipócrita Teatro, Avelaíña Teatro, Pico do Castro e Ditirambo son as compañías participantes
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director do Centro Dramático Galego, Francisco Núñez, participaron hoxe na presentación da nova edición do Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán, que este ano contará coa participación de seis compañías durante este mes de setembro co apoio da Xunta de Galicia.
O director xeral de Cultura felicitou á Federación Galega de Teatro Afeccionado, promotora da iniciativa, por “ter consolidado un festival que cada ano demostra o potencial do teatro amador de Galicia e a súa capacidade para atraer públicos e fidelizalos”, explicou.
Anxo M. Lorenzo indicou tamén a importancia que esta disciplina ten na política pública do Goberno autonómico, como demostra o incremento dun 12% da colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para impulsar a actividades do teatro afeccionado por todo territorio galego en colaboración con Fegatea.
Talento interpretativo
“Unha colaboración que se aliña cos obxectivos do Plan Xeración Cultura que, con 34M€ este ano, inclúe unha batería de medidas para reforzar con novas iniciativas o momento de creación e expansión do sector cultural galego con accións que impulsen o talento como estas”, expresou.
O Festival Agustín Magán celebrarase desde o sábado 2 de setembro e continuará os días 3, 9, 10, 16, 17, 22 e 23. As representacións terán lugar no Salón Teatro, no Teatro Principal e no Centro Sociocultural de Santa Marta ás 20,00 horas. Ademais, na sede da Fegatea terá lugar un obradoiro que durará dúas xornadas. Participarán Desfeita Teatro, Teatro de Cámara Ditea, Hipócrita Teatro, Avelaíña Teatro, Pico do Castro e Ditirambo.