Nova: O Gaiás atéigase hoxe de circo e maxia na Cidade Imaxinaria cunha vintena de compañías nacionais e internacionais e orixinais propostas lúdicas
09/09/2023
O Gaiás atéigase hoxe de circo e maxia na Cidade Imaxinaria cunha vintena de compañías nacionais e internacionais e orixinais propostas lúdicas
Acrobacias aéreas, clown, teatro, funcións circenses, maxia, xogos tradicionais e de enxeño son algunhas das propostas da xornada para o público familiar
O programa, que abarca varios espazos da Cidade da Cultura, conta con números chegados de Bélxica, Italia, Portugal, Valencia, Cataluña, Madrid e Galicia
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2023 A maxia e a fantasía volven ao Gaiás nesta xornada de sábado da man dunha nova edición de Cidade Imaxinaria, que xa se celebrou entre 2011 e 2019. Trátase dun programa da Xunta enteiramente de balde e con acceso libre para gozar en familia e despedir o verán na compaña de malabaristas, trapecistas, saltimbanquis, clowns, excéntricas personaxes e unha chea de xogos e actividades. Desde as 11,00 da mañá, e ata as 20,00 horas, 18 compañías chegadas de Bélxica, Italia, Portugal, Valencia, Cataluña, Madrid e Galicia ateigan a Cidade da Cultura con case unha vintena de números e propostas lúdicas.
O Gaiás acolle así funcións de novo circo, clown, coreografías con espectaculares acrobacias, actuacións teatrais e musicais itinerantes para animar o día, unha escola de circo para que a cativada descubra os seus talentos neste eido, xogos tradicionais e de enxeño para probar as habilidades, exhibición de papaventos nos momentos nos que o tempo o permite e espazos especiais para bebés de 0 a 3 anos. Ademais, a Cidade Imaxinaria complétase con zonas para repor enerxías con postos de bebida e petiscos doces e salgados para o xantar e a merenda.
Durante a súa visita esta mañá ao recinto, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, mostrou a satisfacción por “volver celebrar un dos eventos familiares estrela do verán no Gaiás” e engadiu que se trata dunha das propostas “máis concorridas dentro da programación da Cidade da Cultura”.
Cinco espectáculos de pista e animación itinerante
A programación consta de cinco espectáculos en escenarios fixos con varios pases: The Incredible Box, unha función de clown que devolve ao circo antigo; VoloV, un número con seis artistas que combina a danza e as acrobacias aéreas; H, que nos trae a arte do funambulismo; Jump Cut, circo contempóraneo que tamén transcorre nas alturas; e Time to Loop, protagonizado por acrobacias sobre bicicleta.
O programa inclúe distintas animacións itinerantes con pezas teatrais e música que percorrerán o recinto constantemente. Ademais, hai varias zonas de xogos e actividades operativas durante toda a xornada para que a cativada goce do circo, espectáculos baseados en hologramas e mesmo enxeñosos artefactos que suporán todo un reto.