Nova: A mostra itinerante coa que a Xunta conmemora o centenario do poeta Carlos Oroza chega a Ribadavia
12/09/2023
A mostra itinerante coa que a Xunta conmemora o centenario do poeta Carlos Oroza chega a Ribadavia
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na inauguración da exposición organizada xunto á Asociación Évame-Oroza que repasa a vida e obra do artista
Poderá visitarse ata o 29 de setembro na praza do Buxán e está composta por distintas imaxes e textos de relevancia na súa produción literaria
Anxo M. Lorenzo animou a aproximarse, a través desta mostra, á obra “dun dos grandes da poesía galega que ten destacado pola súa ampla produción literaria e que é de xustiza que divulguemos e axudemos a descubrir por toda Galicia”.
Neste sentido, recordou que a programación inclúe a edición do libro Oroza 100, no que artistas, intelectuais e escritores ofrecen a súa visión e experiencia sobre o artista. A isto súmase a convocatoria do primeiro Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza con periodicidade bienal e tres categorías: galego, castelán e mellor iniciativa musical.
A exposición, que permanecerá en Ribadavia ata o 29 de setembro, está composta por diferentes imaxes e texto que ofrecen un percorrido pola traxectoria vital e artística do autor. Xa pasou por distintas cidades galegas e, tras Ribadavia, continuará o seu percorrido por Lugo, Santiago de Compostela e A Coruña.