Nova: Anxo M. Lorenzo loa o papel do Certame de Condado de Pallares para o impulso á investigación cultural

15/09/2023

Anxo M. Lorenzo loa o papel do Certame de Condado de Pallares para o impulso á investigación cultural

O director xeral de Cultura participa na entrega do premio, que conta co apoio da Xunta e nesta edición recae no historiador Jesús Otero polo seu estudo da arqueoloxía industrial

Guntín (Lugo), 15 de setembro de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na entrega do premio da XV edición do Certame Condado de Pallares, onde loou a “traxectoria consolidada” desta iniciativa e o seu papel para impulsar a investigación cultural nos 15 anos nos que se leva celebrando.

Recordou que, nos últimos anos, grazas a este certame “téñense apoiado importantes traballos da lingüística, da historia, da arte, da arqueoloxía, da antropoloxía, e da etnografía que están a contribuír a cultura galega”. Situou, ademais, este galardón como un dos máis recoñecidos no seu ámbito.

Neste sentido, destacou o apoio do Goberno galego a este premio, organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares que nesta edición recae no historiador lucense Jesús Otero pola súa publicación As minas de Guntín, arqueoloxía industrial na terra de Pallares. Nela realiza un traballo de investigación sobre a historia das minas, o seu impacto na paisaxe, así como a súa importancia social.

Comparte