Nova: A Xunta súmase aos actos de celebración polo centenario da Fundación do Seminario de Estudos Galegos

22/09/2023

A Xunta súmase aos actos de celebración polo centenario da Fundación do Seminario de Estudos Galegos

  • O acto central terá lugar o xoves 12 de outubro cunha andaina simbólica Santiago-Ortoño que rematará cun acto institucional e un xantar popular no Castro
  • Previamente, o Consello da Cultura Galega acollerá os días 10 e 11 o congreso Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos
  • O Goberno galego impulsa ao longo deste ano outras accións conmemorativas  como a exposición Luz na Terra ou a reedición do libro Testemuñas e perspectivas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García,  participou esta mañá na rolda de prensa na que se anunciou a programación institucional coa que a Xunta, en colaboración co Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega, os concellos de Santiago e Ames e mais a Universidade de Santiago de Compostela, entre outras entidades, celebra o centenario  da creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG),  a institución científica fundada o 12 de outubro de 1923 por varios intelectuais da época co obxectivo de estudar e divulgar o patrimonio cultural galego.

Unha efeméride que, segundo o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, “marcou a creación da primeira infraestrutura cultural da que se dotou Galicia, con persoas de diferentes áreas de coñecemento, para a construción deste relato cultural tan necesario”. Ademais, Valentín García quixo destacar “a importancia de seguir velando e traballando para preservar este legado”.

No acto, que acolleu a sede do Consello da Cultura Galega, tamén participaron a presidenta da dita entidade, Rosario Álvarez; a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; o alcalde de Ames, Blas García, e a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago, Pilar Murias.

Andaina simbólia e xantar popular

O acto central da celebración terá lugar o vindeiro 12 de outubro, pois foi un 12 de outubro de 1923 cando Fermín Bouza-Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena, Wenceslao Requejo, Lois Tobío e Alberto Vidán saíron de Compostela camiño do Castro de Ortoño, lugar da nenez de Rosalía de Castro, onde concibiron a idea de constituír un grupo consagrado á investigación da cultura galega. A eles sumaríanse Xulián Magariños, Ramón Martínez e Francisco Romero para asinar, baixo a presidencia de Armando Cotarelo, a constitución formal do SEG.

A andaina simbólica sairá da Alameda de Santiago ás 8,00 horas e, tras máis de 13 quilómetros de camiño, rematará no Castro de Ortoño, onde terá lugar un acto institucional cos representantes das distintas entidades colaboradoras e un xantar popular que contará con música en directo. Ademais, está previsto que haxa transporte público de volta a Santiago para os que decidiron facer o percorrido a pé, para o que se recomenda roupa cómoda.

As persoas interesadas en participar poderán inscribirse proximamente na páxina web do Museo do Pobo Galego.

Dous días de congreso

Previamente á andaina, a sede do Consello da Cultura Galega acollerá os días 10 e 11 de outubro o congreso Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos, que repartido en catro sesións, abordará o contexto histórico do SEG, a súa traxectoria e relación coa sociedade ou as áreas de traballo en que o Seminario conseguiu resultados máis tanxibles. O congreso rematará cunha mesa redonda sobre o legado do Seminario no que participarán Manuel Anxo Seixas, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, María Xosé Fernández Cerviño e Uxío Labarta. O programa completo da xornada e a inscrición están dispoñibles na páxina web do Consello da Cultura Galega.

Amplo programa cultural

A Xunta de Galicia impulsa durante todo o ano outras accións conmemorativas desta efeméride como a exposición Luz na terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), comisariada por Ramón Villares e aberta no Museo Centro Gaiás ata xaneiro. Outras propostas son a reedición do libro Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos, unha publicación de 1977 que recolle a visión sobre o SEG de distintos persoeiros da cultura galega; a publicación do libro Terras do Deza, que difunde os traballos de recollida que os membros do SEG fixeron nesta comarca e que estaban en proceso de edición cando este se disolveu, ou a incorporación desta conmemoración ao Calendario do Libro e da Lectura de Galicia.

Comparte