Nova: O Centro Dramático Galego recibe unha ducia de directores teatrais de sete países para promover a diversidade lingüística e cultural de Europa

23/09/2023

O Centro Dramático Galego recibe unha ducia de directores teatrais de sete países para promover a diversidade lingüística e cultural de Europa

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, reuniuse cos participantes no encontro que ten lugar en Santiago ata o día 24, ao abeiro do proxecto europeo Phone para lle dar voz ás linguas propias a través do teatro

O evento inclúe sesións de traballo arredor das oito producións que se están a desenvolver no marco desta iniciativa, das boas prácticas na dirección escénica e da preparación doutras liñas de acción conxuntas

Tamara Canosa e Xacio Baño compartirán cos asistentes a evolución do proceso creativo que están a desenvolver para o espectáculo do 40º aniversario da compañía da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2023

O Centro Dramático Galego reúne estes días na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, unha ducia de directores escénicos chegados de sete países para asistir a un dos encontros do proxecto europeo Phone para poñer en valor a diversidade lingüística e cultural de Europa a través do teatro. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades participa de xeito transversal nesta iniciativa europea mediante a implicación de varios departamentos, con especial protagonismo da súa unidade teatral.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, recibiron os participantes neste encontro, que ten como eixo central a posta en común dos procesos creativos de cada unha das montaxes teatrais que se están a desenvolver no seo desta iniciativa por parte dos seus responsables artísticos.

Valentín García subliñou importancia de programas como este “en que a lingua galega se internacionaliza en espazos europeos onde hai sensibilidades por linguas coma a nosa”. “Por iso, para nós é importante o Centro Dramático Galego xa que é clave contar cun centro teatral de referencia que nos permite proxectarnos e intercambiar coñecemento con tan prestixiosas entidades como as aquí representadas”, continuou.

Nove linguas representadas

Pola banda galega, cóntase coa participación de Tamara Canosa e Xacio Baño, que asinan a dramaturxia do espectáculo do 40º aniversario do Centro Dramático Galego, baixo a dirección da propia Canosa. O resto das propostas están a ser producidas polo Fryske Toaniel Stifting Tryater (Países Baixos), Deutsch-Sorbisches Volkstheater Bautzen (Alemaña), Teatrul Evreiesc de Stat (Romanía), Stadttheater (Italia), Fibin Teo (Irlanda), Teatr Piba (Bretaña/Francia) e Kvääniteatteri (Noruega). Deste xeito, xunto co galego, están representados neste proxecto europeo o frisón, o alto e o baixo sorobio, o yiddish, o ladino, o gaélico, o bretón e o kven.

O nexo común de todas as montaxes ten que ver co emprego de métodos de escrita biográfica/documental e de teatro comunitario interxeracional, ademais da aposta por novos formatos escénico e a aplicación de novas tecnoloxías e ferramentas dixitais.

Día Europeo das Linguas

Esta estadía en Santiago de Compostela, organizada en vésperas da celebración do Día Europeo das Linguas o vindeiro día 26, inclúe tamén xuntanzas arredor das boas prácticas na dirección escénica e da planificación de futuros eventos e liñas de acción de Phone. Os asistentes terán, ademais, a oportunidade de se achegar á cultura e á lingua galegas a través de visitas a varias infraestruturas culturais e da asistencia a diferentes eventos que teñen lugar esta fin de semana na nosa Comunidade, como o Festival Maré en Santiago ou o encontro Residencias Paraíso na Illa de San Simón, en ambos casos organizados co apoio da Xunta de Galicia.

Tras o encontro no Centro Dramático Galego, a compañía da Xunta de Galicia recibirá a primeiros de outubro o equipo da montaxe que está a preparar o Fryske Toaniel Stifting Tryater dos Países Baixos para continuar afondando neste intercambio a través dunha residencia artística no Salón Teatro.

O proxecto europeo Phone do programa Europa Creativa supón a primeira gran colaboración internacional de teatros públicos e privados traballando polas linguas e, cun horizonte en 2024, prevé obter como resultado máis de 170 accións culturais vencelladas ao mundo teatral.

O obxectivo é contribuír á salvagarda da diversidade cultural e lingüística de Europa, conectando profesionais e públicos que pertencen a comunidades con linguas propias, proporcionándolles unha plataforma para a súa expansión e intercambio. Ademais, estáselle a prestar especial atención á participación da xuventude e á transmisión de coñecemento entre distintas xeracións.

 

Comparte