Nova: O enxeñeiro Francisco Fernández Dávila gaña o XVII Premio de Narrativa Breve Repsol co que colabora a Xunta
29/09/2023
O enxeñeiro Francisco Fernández Dávila gaña o XVII Premio de Narrativa Breve Repsol co que colabora a Xunta
O xurado, en cuxa reunión estivo o secretario xeral de Política Lingüística, recoñece a súa novela ‘Groenlandia’ como un “mosaico literario de perfecto encaixe construído a través da intriga, de humor e unha pasarela de personaxes que, sen seren de ningures, sempre ficarán engaiolados nas illas Azores”
A dotación económica do galardón ascende a 12.000 e inclúe, como cada ano, a publicación da obra por parte da Editorial Galaxia
Esta edición foi a máis numerosa desde a súa orixe en 2006 con 47 novelas curtas participantes
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023
O escritor e enxeñeiro Francisco Fernández Dávila vén de alzarse gañador da XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol pola obra súa obra Groenlandia, un certame que conta co apoio da Xunta de Galicia co fin de reforzar a creación de literatura en galego e promover o uso social da lingua.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que participou na reunión do xurando, quixo agradecer un ano máis á Fundación Repsol “o seu compromiso coa lingua e literatura galegas a través deste premio, consolidado xa como un dos máis prestixiosos da nosa cultura”. Ademais, Valentín García felicitou ao galardoado “tanto polo premio acaecido como pola súa novela, plena e orixinal, feita cunha mestría e naturalidade digna deste recoñecemento”.
Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tamén participaron no acto do ditame Natalia Barreiro, directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, e Antón Vidal, presidente de Galaxia, así como varios membros do xurado. Sobre a novela galardoada, estes últimos definírona como “un mosaico literario de perfecto encaixe construído a través da intriga, de humor e unha pasarela de personaxes que, sen seren de ningures, sempre ficarán engaiolados nas illas Azores”.
A dotación económica do premio ascende a 12.000 euros e, como cada ano, inclúe a publicación da obra gañadora por parte da Editorial Galaxia.
47 novelas participantes
O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 e vertebrado de forma conxunta polo complexo industrial Repsol da Coruña e a Xunta de Galicia. No ano 2010, Fundación Repsol toma o relevo no impulso do certame que conta, desde o seu inicio, coa colaboración da Editorial Galaxia e co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Esta última edición foi a máis numerosa da súa historia con 47 novelas curtas presentadas ao premio que, desde os seus comezos, suma máis de 500 obras orixinais en lingua galega participantes.
O gañador
Francisco Javier Fernández Dávila (Vigo, 1974) é enxeñeiro de Minas e MBA en Responsabilidade Social Corporativa pola Universidade de Vigo. Comezou a escribir no 2016 en diversos obradoiros de escrita creativa e, ese mesmo ano, gañou o primeiro premio de poesía no I Certame de Enxeñería Sen Fronteiras e os segundos premios no X Certame Literario Terras de Chamoso de poesía e no XLIX Concurso Literario Casino Ateneo de Béjar de relato.
Entre o seu palmarés están tamén o premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia con A senda de sal no 2017; o premio Antón Avilés de Taramancos no 2018, que lle valeu a publicación da súa segunda novela curta, Alana; o Premio de Poesía Victoriano Taibo no 2019, que implicou a publicación do seu primeiro libro de poesía Mover os Marcos; ou o Premio de Novela Curta Antón Risco por Primavera, no 2023.