Nova: Axudas para o fomento das salas galegas de artes escénicas

10/04/2015

Axudas para o fomento das salas galegas de artes escénicas

Están dotadas con 70.000 euros e destínanse a espazos privados con capacidade igual ou inferior a 250 butacas que desenvolvan unha programación anual e profesional

  • Axudas para o fomento das salas galegas de artes escénicas Axudas para o fomento das salas galegas de artes escénicas

Santiago, 10 de marzo de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de subvencións para 2015 dirixidas a fomentar a estabilidade e a consolidación das salas galegas de artes escénicas de titularidade privada que desenvolvan carteleiras artísticas de carácter profesional.

Estas axudas, que están dotadas con 70.000 euros, poden solicitarse ata o próximo 11 de maio por persoas físicas ou xurídicas, xestoras de espazos con capacidade igual ou inferior a 250 localidades, e que presenten un proxecto de programación para este ano.

Para a concesión das subvencións seguirase o procedemento de concorrencia competitiva, no que unha comisión nomeada ao efecto ordenará os expedientes por puntuación, seguindo os criterios de avaliación establecidos nas bases da convocatoria. A asignación das contías farase en proporción á puntuación recibida e ao orzamento solicitado, sen exceder o límite establecido en 30.000 euros por cada dotación unitaria e sempre que non rebase o 50% por cento do orzamento do proxecto presentado.

Entre a documentación específica que se solicita aos interesados a través da resolución que recolle hoxe o DOG está a licenza de apertura do local, os contratos laborais do persoal vinculado, o plan de comunicación e xestión de públicos coa explicación detallada das accións de márketing ou o plan económico financeiro de cada sala.

Teranse en conta como criterios de adxudicación aspectos como a antigüidade da empresa, a capacidade da sala, a pertenza á Rede Galega de Salas impulsada pola Agadic, o interese artístico, calidade e relevancia do proxecto de programación, o número total de funcións que se van realizar, o número de días con actividade aberta ao público, a presenza de compañías galegas na carteleira, as actividades complementarias, a capacidade de creación de públicos ou a porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento do proxecto.

A convocatoria pode consultarse no enderezo electrónico http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150410/AnuncioG1097-300315-0001_gl.html
 

Comparte