Nova: As Feiras do Libro de Galicia inician en Pontevedra a súa programación de 2015

10/04/2015

As Feiras do Libro de Galicia inician en Pontevedra a súa programación de 2015

Ademais de difundir as novidades editoriais, achegaranlle o libro e a lectura á cidadanía a través de contacontos, recitais, obradoiros e presentacións de obras

Estes eventos percorrerán 12 concellos galegos baixo o lema ‘A historia en letras’, en alusión a Filgueira Valverde, homenaxeado coas Letras Galegas 2015

  • As Feiras do Libro de Galicia inician en Pontevedra a súa programación de 2015 As Feiras do Libro de Galicia inician en Pontevedra a súa programación de 2015

Pontevedra, 10 de abril de 2015.- Promovidas pola Federación de Librarías de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as Feiras do Libro de Galicia inician a súa edición de 2015 en Pontevedra, do 14 ao 19 de abril, cunha completa programación de actividades que inclúe presentacións de novidades editoriais, contacontos, obradoiros de ilustración, de maxia e de linguaxe de signos, recitais poéticos e sinatura de libros cos escritores e coas escritoras Fina Casalderrey, Manuel Lorenzo González, Xesús Constela, Mariano Fisac, Pablo Núñez, Sonia Mirón e Xosé Manuel González ‘Oli’.

A programación tamén ofrecerá a proxección do documental de Gonzalo Veloso ‘Contextualizando a Filgueira Valverde’, sobre o escritor, historiador e profesor ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano as Letras Galegas. Para se sumar a esta homenaxe, as Feiras do Libro de Galicia celébranse este ano baixo o lema ‘A historia en letras’, segundo explicou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación da Feira do Libro de Pontevedra, que se instalará na praza da Ferrería. Ademais, o presidente da Fundación Filgueira Valverde e fillo do escritor, Xosé Fernando Filgueira, será o encargado de ler o pregón no acto de inauguración da feira, que terá lugar o día 14 ás 19 horas e que tamén contará coa actuación do grupo de música tradicional Os Alegres.

Múltiples actividades para todos os públicos
Nun acto no que tamén participaron Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Librarías, e Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxo Lorenzo recordou que as feiras inician a súa edición de 2015 nun mes no que o libro e a lectura son os protagonistas, coa celebración, o día 23, do Día Internacional do Libro. Tamén destacou a aposta destes eventos de referencia na axenda cultural de Galicia por unha completa programación de actividades para lles achegar o libro e a lectura a todos os públicos.

Con este obxectivo, a Feira do Libro de Pontevedra ofrecerá o día 15, ás 18 horas, un contacontos para os máis pequenos baseado nos libros de Nova Galicia Edicións, a cargo de Miguel Ángel Alonso. Os contacontos tamén chegarán da man da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia o venres 17 ás 18:30 horas e mais de Fátima Fernández, coa actividade ‘Contos susurrados’, o domingo 19 ás 18 horas.

Presentacións e sinatura de libros
O público que visite a feira, en horario de 11 a 14 e de 17 a 21 horas, terá ocasión de se achegar ás novidades editoriais a través dos seus autores. A escritora e académica Fina Casalderrey asinará exemplares dos seus libros o 15 de abril ás 18:45 horas, logo dunha lectura pública baseada na súa obra. A continuación, o escritor Manuel Portas presentará o seu libro ‘Amor en alpargatas’, publicado por Edicións Xerais. O xoves 16, ás 20 horas, Elena Gallego tamén presentará o seu libro ‘Dragal IV. A estirpe do Dragón’, publicado por Xerais, e o venres 17, á mesma hora, será a quenda de María López Sández, co libro ‘O faro escuro’, de Galaxia.

Durante a fin de semana, a feira contará coas presentacións de ‘Historia de Galicia’ (Editorial Cumio, de David Pérez, o sábado 18 ás 18 horas, e, ás 19 horas, ‘Os ratos da casa’ (Kalandraka), con texto de Xosé Manuel González ‘Oli’ e ilustracións de Natalia Colombo. O domingo, ás 19 horas, a feira pechará a súa programación coa presentación do libro ‘Los manuscritos de París’ (Editorial Tauro), ´de Juan Pablo Rodríguez.

Ademais, asinarán exemplares das súas últimas obras os escritores Manuel Lorenzo González, o xoves 16 ás 19 horas; Xesús Constela, o venres 17 ás 19 horas; Pablo Núñez, o sábado ás 18, 19 e 20 horas; e, tamén o sábado, Sonia Mirón e Mariano Fisac, ás 12:30 e ás 19 horas, respectivamente.

A programación da feira, que contará coa participación das librerías Paz, Seijas, Cartabón, Pedreira, D – Lectum e Clip, xunto con A Serpe Edicións e a Deputación Provincial de Pontevedra, completarase cun obradoiro de elaboración de gominolas naturais realizado por Carmen Freire o xoves 16 ás 18 horas; co obradoiro de maxia ‘Ti es o mago’, realizado por Rivel Animación o sábado 18 ás 12 horas; e cun recital poético-narrativo a cargo de Teresa Cameselle, LydiaLeyte, María Lado e Mariña Pérez Rei.

A Biblioteca Antonio Odriozola sae á rúa
A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, xestionada pola Consellería de Cultura e Educación, tamén estará presente na feira do libro para dar a coñecer a súa colección, a través dunha mostra de materiais nos diferentes formatos e para todas as idades, así como os servizos que ten ao dispor da cidadanía, ademais de lles ofrecer aos visitantes a posibilidade de facerse socio da biblioteca na mesma feira.

A participación da biblioteca completarase coa realización de actividades para alumnado de infantil dos CEIP Manuel Vidal Portela e Froebel no marco do seu programa de formación de usuarios e animación á lectura para centros escolares, así como cun contacontos e un obradoiro de ilustración a cargo de Polo Correo do Vento, o venres 17 ás 17.30 horas.

As feiras, nas catro provincias
Logo do seu paso por Pontevedra, as feiras realizarán a seguinte parada, entre os días 22 e o 26 de abril, na cidade de Ferrol. O 1 de maio será a quenda de Santiago de Compostela, onde permanecerán ata o día 10 dese mes. Tamén nos mes das letras, do día 12 ao 17, as feiras chegarán ata Lugo, para, a continuación, viaxar a Ourense do 2 ao 7 de xuño.

Xa no verán, a primeira cita será a da cidade de Vigo, do 3 ao 12 de xullo, para despois continuar nese mesmo mes por Ribeira, do 16 ao 19, e mais por Rianxo, do 23 ao 26. No mes de agosto regresará a feira do libro da Coruña, que se celebrará do día 1 ao 10. A continuación, a provincia lucense acollerá as tres últimas citas deste ano, nos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 23; e, finalmente, de Monforte de Lemos, onde terá lugar do día 26 ao 29.
 

Comparte