Nova: Xardín suspenso representarase en Lisboa e en nove cidades galegas

10/04/2015

Xardín suspenso representarase en Lisboa e en nove cidades galegas

A xira da última produción do CDG comeza en Narón este sábado día 11 e nas próximas semanas desprazarase ao Barco, A Estrada, Pontevedra, Vigo, Tui, Rianxo, Ourense e A Coruña

Cándido Pazó dirixe a César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos neste premiado drama do autor portugués Abel Neves

Santiago, 10 de abril de 2015.- O Centro Dramático Galego (CDG) inicia o 11 de abril en Narón a xira de representacións do seu último espectáculo, ‘Xardín suspenso’, co que visitará tamén ata finais de maio O Barco de Valdeorras, A Estrada, Pontevedra, Vigo, Tui, Rianxo, Ourense, A Coruña e Lisboa.

A montaxe que dirixe Cándido Pazó a partir da obra de Abel Neves, referente da actual dramaturxia portuguesa, desenvolverá deste xeito 15 novas funcións nas próximas semanas, que virán sumárselle á temporada de exhibición para público xeral e escolar que tiveron lugar do 13 ao 29 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos interpretan esta primeira posta en escena galega do premiado drama luso, que introduce o espectador nun labirinto de emocións arredor da cuestión de ata onde pode levar a fidelidade absoluta a un amor non correspondido.

Ademais do elenco, no equipo artístico que Cándido Pazó dirixe para o Centro Dramático Galego, unidade de produción teatral da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), atópanse recoñecidos profesionais da escena galega como Carlos Alonso (escenografía e figurinismo), Manuel Riveiro (composición musical), Afonso Castro (iluminación), Martina Cambeiro (maquillaxe) e Belén Pichel (asistente de dirección). O propio Pazó asina versión galega do texto xunto ao director do CDG, Manuel Guede Oliva, mentres que Afonso Becerra de Becerreá elaborou o caderno pedagóxico.

Nun xardín zen
Carlos Alonso deseñou para esta produción un xardín ao estilo zen –de area branca, desprovisto de plantas e apenas sen decoración–, que serve de metáfora do estado letárxico no que se somerxe Lucía cando Mateo anuncia que casa con outra, crebando así o seu compromiso de amor adolescente. Mais o xardín reflicte tamén a incapacidade de reacción por parte da familia da protagonista diante dunha situación que altera a súa aparente normalidade e que se nos anuncia como unha traxedia inminente.

Segundo Cándido Pazó, nesta peza pola que Abel Neves gañou en 2009 o Prémio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva, o máis importante dos certames de literatura dramática do ámbito lusófono, “parecería que o autor pediu a colaboración dun Racine, un Chekhov e un Ionesco para, sen que a orde dos factores altere o produto, desconcertarnos, emocionarnos, divertirnos, sacudirnos ou estremecernos”.

A primeira función da xira de ‘Xardín suspenso’ terá lugar mañá no Pazo da Cultura de Narón ás 20.00 horas. As entradas para asistir ao espectáculo poden mercarse na billeteira do teatro ao prezo de 9,50 euros para público xeral e de 6,65 euros para abonados, titulares de Carné Xove e de Carné de Estudante, así como desempregados.

A compañía pública viaxará a continuación ao Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 17 de abril), A Estrada (Teatro Principal, 24 de abril), Pontevedra (Auditorio Sede Afundación Pontevedra, 29 de abril), Vigo (Teatro Afundación Vigo, 6 de maio), Rianxo (Auditorio Municipal, 15 de maio), Ourense (Teatro Principal, 16, 17 e 18 de maio) e A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 22 de maio). A Sala Garrett do Teatro Nacional D. María II de Lisboa será o último escenario en acoller esta produción, da que ofrecerá catro funcións do xoves 28 ao domingo 31 de maio.
 

Comparte