Nova: Rueda destaca ao CGAC como epicentro da transformación artística de Galicia e escaparate no que amosar o talento local ao mundo

28/09/2023

Rueda destaca ao CGAC como epicentro da transformación artística de Galicia e escaparate no que amosar o talento local ao mundo

Salienta o papel fundamental desta institución para o talento plástico galego e o diálogo artístico

O CGAC contou no 2022 con 49.150 visitantes, un 30% máis que o ano anterior

Remarca a importancia do CGAC como espazo que sitúa a Galicia como punto de encontro na experimentación plástica e visual

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou o papel fundamental do CGAC para naturalizar todo tipo de prácticas artísticas, educar a creadores e afeccionados e impulsar o talento plástico galego.

Rueda participou no 30º aniversario do CGAC coa inauguración da exposición ´Implosión: arte conceptual na colección CGAC (1965-1975)´. Destacou que celebrar este acontecemento é celebrar o potencial artístico de Galicia como un referente creativo nacional e internacional, despois de tres décadas sendo un punto de encontro na experimentación plástica e visual.

O centro abriu as súas portas ao público o 29 de setembro de 1993 coa inauguración dunha exposición de Maruja Mallo. Dende entón, o CGAC sitúase como un exemplo significativo da aposta por potenciar o talento de creadoras galegas, nacionais e internacionais.

Rueda valorou o CGAC como un centro pioneiro en Galicia e escaparate das novas tendencias creativas do planeta. O centro, tal e como destacou, non é só un espazo onde ten cabida o talento galego, acollendo visións, fluxos e correntes artísticas diversas, senón que tamén actúa como fiestra aberta a Europa e ao resto do mundo.

Un concepto de museo diferente

Rueda insistiu en que o CGAC non é un museo ao uso. O centro destaca pola súa innovación nas propostas singulares e pretende educar a ollada de toda unha xeración de galegos en novas prácticas artísticas. O presidente da Xunta recoñeceu a espectacularidade, o inconformismo e a sensorialidade que caracterizan as propostas do museo.

O titular da Xunta tamén agradeceu a dedicación e o esforzo de todos os traballadores e traballadoras que converteron o CGAC nun modelo museístico de éxito. Do mesmo xeito, Rueda valorou o compromiso co talento artístico dos directores e directoras do centro.

Alfonso Rueda subliñou o rol fundamental do CGAC na vida cultural galega. No 2022 contou con 49.150 visitantes, un 30% máis que o ano anterior. Dende o seu nacemento, o Centro Galego de Arte Contemporánea leva 30 anos fomentando o diálogo artístico e apostando por propostas novidosas no talento artístico galego.

Comparte