Nova: A Xunta contribúe á carteleira escénica da cidade de Pontevedra con oito funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios

13/10/2023

A Xunta contribúe á carteleira escénica da cidade de Pontevedra con oito funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios

O público familiar é o protagonista desta oferta, que arranca o domingo no Teatro Principal cunha dobre función de Ás para Alex, de Baobab Teatro

Determinada Compañía ofrecerá o 5 de novembro dous pases do espectáculo de danza Nina Ninette, mentres que Os Náufragos representará Hugo o 12 e 13 dese mes

O circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e os concellos adheridos, programa 42 actuacións artísticas na provincia de Pontevedra neste segundo semestre do ano

Pontevedra, 13 de outubro de 2023

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Xunta e 40 entidades locais asociadas, contribúe á nova temporada escénica do Teatro Principal de Pontevedra con sete funcións especialmente pensadas para o público familiar. As dúas primeiras terán lugar este mesmo domingo da man de Baobab Teatro e o espectáculo Ás para Alex, que abre á súa vez unha nova edición do ciclo Domingos do Principal.

Esta obra de teatro de monicreques, da que se ofrecerán dous pases ás 12,00 e ás 18,30 h., aborda a importancia da esperanza e do xogo á hora de superar as dificultades que poden xurdir na infancia, como é o caso da enfermidade.

A programación do circuíto autonómico na capital pontevedresa continuará coa proposta de danza Nina Ninette, que Determinada Compañía escenificará no Principal o domingo 5 de novembro, tamén en dobre sesión. Esta montaxe preséntase como un conto iniciático inspirado na estética do Ballet Triádico de Oskar Schlemmer, do que se cumpre o centenario da súa estrea, para danzar unha historia de beleza e rebeldía.

Premio María Casares

Os Náufragos protagoniza a terceira das montaxes que chega ao escenario pontevedrés como parte desta programación. Trátase de Hugo, premio María Casares 2022 ao mellor espectáculo para a infancia, que aborda coa máxima sensibilidade a discriminación que experimentan no día a día as persoas con trastornos do espectro autista. Ofreceranse dous pases o domingo 12 de novembro, ademais dunha función escolar o luns 13.

A través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Consellería de Cultura. Educación, FP e Universidades cofinancia a contratación durante este segundo semestre do ano de 176 funcións escénicas e musicais en 36 concellos das catro provincias. Na de Pontevedra, prográmanse 42 actuacións en espazos de 11 municipios: A Estrada, Cambados, Cangas, Gondomar, O Grove, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Tomiño, Tui e Vilagarcía de Arousa.

 

Comparte