Nova: A Xunta pecha a celebración do ano Picasso cunha exposición arredor da súa etapa académica na Coruña
13/10/2023
A Xunta pecha a celebración do ano Picasso cunha exposición arredor da súa etapa académica na Coruña
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugura esta mostra que inclúe documentos, fotografías, debuxos e expedientes orixinais datados entre 1850 e 1920
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Coruña a exposición A Escola de Belas Artes da Coruña e Picasso, que se poderá ver no Arquivo do Reino de Galicia ata o 15 de decembro como peche das actividades impulsadas pola Xunta de Galicia no marco da celebración do Ano Picasso.
Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou o “gran éxito” colleitado pola exposición sobre Picasso celebrada no Museo de Belas Artes da Coruña con “con 50.000 visitantes”. “Agora, ofrecemos unha nova oportunidade para que os que descoñecían a importancia de Galicia na obra de Picasso, se acheguen a través desta mostra centrada na súa etapa académica”, declarou Anxo M. Lorenzo.
A mostra aberta hoxe no Arquivo do Reino de Galicia inclúe máis de 150 documentos e obxectos datados entre os anos 1850 e 1920 procedentes da Escola de Belas Artes Pablo Picasso, do Museo de Belas Artes, do Instituto IES Salvador de Madariaga e do arquivo municipal da cidade da Coruña.
Así, repartida en tres apartados, os visitantes atoparán documentos, fotografías orixinais, láminas de debuxos realizados polo alumnado, libros usados nas clases e reproducións de expedientes académicos de estudantes como Pablo Picasso, dos seus profesores ou mesmo de outros artistas recoñecidos que impartiron clase na escola como son Román Navarro, Abelenda ou Isidro Brocos.