Nova: As artes escénicas galegas viaxan a Colombia como protagonistas dos festivais de Manizales e Medellín
17/10/2023
As artes escénicas galegas viaxan a Colombia como protagonistas dos festivais de Manizales e Medellín
A Xunta de Galicia promove a participación dunha delegación artística e institucional tanto na decana mostra de teatro de Manizales, que dá comezo esta fin de semana, como no Comfama San Ignacio de Medellín, que arranca o día 30
Exhibiranse as montaxes ‘Orquestra de malabares’ de Pistacatro, flamante Premio da Cultura Galega no ámbito escénico, ‘Continente María’ de Ainé Producións, ‘Alma de tigre’ de Elefante Elegante, ‘DeMente’ de Fran Sieira Compañía de Danza e ‘O mel non caduca’ de Ibuprofeno Teatro
Esta colaboración supón a acción central do programa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para a internacionalización das artes escénicas galegas en 2023
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023 As compañías Ainé Producións, Elefante Elegante, Fran Sieira Compañía de Danza, Ibuprofeno Teatro e Pistacatro, viaxan este semana a Colombia para actuar tanto no Festival Internacional de Teatro de Manizales como no Festival Teatro y Música Comfama San Ignacio de Medellín, nos que Galicia é a convidada especial deste ano.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse cos representantes destas cinco formacións para ultimar os detalles da delegación artística e institucional que se desprazará ata Colombia baixo a coordinación e co apoio económico da Xunta de Galicia, en diálogo coa asociación Escena Galega. Tivo, ademais, a oportunidade de felicitar a Belem Brandido, de Pistacatro, polo flamante Premio da Cultura Galega na categoría de artes escénicas para esta formación pioneira no ámbito do novo circo na nosa Comunidade.
Asistiu tamén a esta xuntanza o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, quen forma parte desta delegación para intervir no V Congreso Iberoamericano de Teatro, que se celebrará en Manizales de xeito simultáneo ao festival. A temática central deste encontro será a relación das artes escénicas coas poéticas e políticas a prol da paz social.
Plan Xeración Cultura
A colaboración con esta destacada representación galega en Colombia supón a acción central do programa de proxección exterior das nosas artes escénicas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a desenvolver este ano e que se enmarca, así mesmo, nun dos eixos do plan Xeración Cultura. Nesta mesma liña de traballo, sitúanse a convocatoria anual de subvencións á distribución de espectáculos e a dinámica de internacionalización emprendida polo Centro Dramático Galego, que se estende a 13 países a través da implicación da compañía pública en dous proxectos europeos e noutros programas de intercambio, ademais da organización de xiras e a presenza en festivais con producións propias e coproducións.
A escolma galega realizada directamente polos responsables destes festivais colombianos reflicte a ampla variedade de xéneros e estilos da escena galega actual con propostas teatrais como Continente María, na que Ainé, en coprodución co Centro Dramático Galego e o Concello da Coruña, evoca a figura de María Casares; Alma de tigre, na que Elefante Elegante saca á luz os segredos dunha familia coa memoria, os afectos e a herdanza no centro da historia; e o futuro distópico de O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro. En danza, a representación galega recae en Fran Sieira e a súa compañía co espectáculo de baile e música tradicional DeMente, que pon o foco na saúde mental, e en circo, Pistacatro viaxa a Colombia con Orquestra de malabares, un espectáculo que mestura a música co ballet aéreo dos malabaristas.
Mostra decana en Iberoamérica
Galicia toma o testemuño de Chile, Arxentina ou o País Vasco como territorio convidado no Festival Internacional de Teatro de Manizales, considerado o máis antigo do seu ámbito en Iberoamérica. A súa 55ª edición celébrase do 20 ao 28 de outubro cunha trintena espectáculos en cartel procedentes de diferentes puntos de Colombia, ademais de Arxentina, Chile, Costa Rica, Portugal, México, República Democrática do Congo e Uruguai e das devanditas propostas de Galicia.
A primeira representante da nosa Comunidade en actuar nesta mostra será Ainé o domingo 22, á que seguirán Ibuprofeno o xoves 26, Elefante Elegante o venres 27 e Fran Sieira Compañía de Danza e Pistacatro o sábado 28. A continuación, esta mesma delegación artística desprazarase ata Medellín como parte da programación da sexta edición do Festival Teatro y Música Comfama San Ignacio, que terá lugar do 30 de outubro ao 7 de novembro. Alí representarán os seus espectáculos a compañía de Fran Sieira e Pistacatro o día 31, Ibuprofeno Teatro e Ainé Producións o 1 de novembro e Elefante Elegante o día 2.