Nova: Os artistas da primeira edición da aceleradora musical Sonemerxente fan balance da súa experiencia no evento final ‘Relatos, encontros e imaxes’

19/10/2023

Os artistas da primeira edición da aceleradora musical Sonemerxente fan balance da súa experiencia no evento final ‘Relatos, encontros e imaxes’

Celébrase mañá no Salón Teatro de Santiago de Compostela coa participación dos 10 integrantes do programa desenvolvido pola Xunta de Galicia e Fundación Paideia

Compartirán cos asistentes os principais fitos desta iniciativa, no marco da que recibiron titorías, gravaron videoclips ou produciron temas musicais con primeiras figuras do sector, ademais de protagonizar unha trintena de actuacións en diferentes festivais e citas culturais

A segunda edición atópase en proceso de selección doutras 12 propostas emerxentes entre as 36 recibidas tras a convocatoria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades

 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2023

Relatos, encontros e imaxes é o título do evento que terá lugar mañá no Salón Teatro de Santiago de Compostela como peche da primeira edición da aceleradora musical Sonemerxente, posta en marcha pola Xunta de Galicia baixo a xestión da Fundación Paideia. As 10 bandas e artistas integrantes do programa compartirán cos asistentes os principais fitos desta experiencia, no marco da que tiveron a oportunidade de traballar no impulso das súas carreiras man a man con primeiras figuras da industria musical, ademais de ofrecer unha trintena de actuacións en diferentes festivais e citas culturais de toda Galicia.

O compositor e músico Carlos Pereiro (Carlangas) será o mestre de cerimonias neste encontro, que arrancará ás 18,30 h. e no que entrevistará a cada un dos participantes neste primeiro Sonemerxente: Adrian Timms, Ani Baires, De Ninghures, Helena Egea, Hydn, Law, Mondra, Paraíso Canto, Samudra Trio e Zeltia Irevire. O evento inclúe a proxección de videoclips e dun documental que narra a súa participación na aceleradora, ademais dunha mesa profesional na que intervirán a avogada Lucía Sánchez, filla do mítico guitarrista Paco de Lucía e especializada en dereito audiovisual e propiedade intelectual; Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), e a música Pamela Rodríguez.

Acceso gratuíto

O peche institucional correrá a cargo do director da Axencia Galega das Industrias Musicais, Jacobo Sutil, e do vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara, tras o que terá lugar un cóctel con sesión DJ a cargo do propio Carlangas. A entrada ao evento é gratuíta, previa inscrición nesta web.

Esta primeira entrega do programa da Xunta para lles brindar impulso a carreiras emerxentes con especial potencial de proxección desenvolveu un intenso calendario de actividades, que deu comezo con titorías grupais e individuais a cargo de 28 profesionais de primeiro nivel, como os devanditos Carlangas, Lucía Sánchez ou Patricia Hermida, ademais do artista multidisciplinar Rodrigo Cuevas; Paco Loco, produtor de Enrique Bunbury, Mikel Erentxun, Nacho Vegas ou Lori Meyers, entre outros moitos; Eva Planas, business manager de Richie Hawtin e produtora no Festival Sonar; Unai Fresnedo, da axencia e discográfica independente Taste The Floor, que conta entre os seus artistas con Quevedo, Natos y Waor, e Ayax y Prok; David Cardenal e Carmina Brandariz, da axencia Music Bus; Alberto Cantúa, da banda Viva Suecia, o xornalista de Radio 3 Ángel Carmona, o xestor artístico Javier Portugués, o avogado Antonio Martínez, ou o enxeñeiro de son e masterización Ángel Medina

Entre estas titorías, destacan tamén as do realizador Xaime Miranda, quen acompañou a meirande parte dos participantes na creación dos seus videoclips; os produtores Javier Limón e Juan de Dios Martín, cos que produciron novos temas musicais, ou a directora de arte Laura Iturralde, quen os orientou no deseño das escenografías e iluminación dos seus concertos. Ademais, traballaron xunto á actriz Mariana Carballal no discurso de cada proxecto, co dúo Twinstylist nos seus respectivos estilismos, coas axencias The Office e La Trinchera nos seus plans de comunicación e lanzamento e con Sergio Tejerina, mentor e formador en emprendemento, nos correspondentes plans de negocio.

A aceleradora Sonemerxente incluíu, así mesmo, unha fase centrada na difusión e promoción dos proxectos, no marco da que se facilitaron unha trintena de actuacións en festivais e eventos culturais organizados ou apoiados pola Xunta de Galicia, como o Festival de la Luz, Atlantic Fest, Holanola Lab-Fest, Galicia Escena PRO, Mércores de Varanda do Centro Dramático Galego, VII Xornadas de Industrias Musicais ou os Demodays de diferentes formacións de emprendemento.

Listaxe de reprodución en Spotify

A iniciativa inclúe a difusión dos artistas a través das redes sociais, da web GalicianTunes e de plataformas como Spotify, onde está dispoñible unha listaxe de reprodución, que reúne unha trintena de temas destes artistas.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades repite a colaboración con Paideia no desenvolvemento da segunda edición da aceleradora musical, que nestes momentos se atopa no proceso de selección dun máximo de 12 intérpretes ou grupos emerxentes entre as 36 propostas recibidas.

Comparte