Nova: Os museos do rural protagonizan a xornada anual de debate promovida pola Xunta

20/10/2023

Os museos do rural protagonizan a xornada anual de debate promovida pola Xunta

Oito centros galegos e un de Portugal comparten cos asistentes as súas experiencias

“O obxectivo é contribuír á definición dun modelo de museo que ten o seu espazo fóra dos centros urbanos”, destaca o representante da Consellería de Cultura

 

Ribadavia (Ourense), 20 de outubro de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da xornada anual dos museos de Galicia, que se celebrou no Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia. Este ano, a cita céntrase nos museos rurais instalados en pequenas vilas de Galicia, tanto do interior como de zonas de montaña ou mariñeiras.

Baixo o nome Museos en ámbitos rurais e vilegos, o director xeral de Cultura inaugurou estas xornadas nas que participan nove centros galegos. ‘’O obxectivo deste encontro é contribuír á definición dun modelo de museo que ten o seu espazo fóra dos centros urbanos”, afirmou. “Estes espazos comparten a necesidade de definir as súas actividades atendendo á especificidade da súa localización, á facilidade de acceso e á procura dun equilibrio, tanto nos seus servizos como na programación dos seus intereses”, engadiu o Anxo M. Lorenzo, quen puxo en valor a cultura no rural.

É o segundo ano que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade celebra estas xornadas como foro de debate e de acollida dos máis de 80 centros que conforman o Sistema Galego de Centros museísticos.  

Programa da xornada

Durante a xornada, a conferencia inaugural correu a cargo de Fernando Seara, director do Museo do Douro, xestionado por unha fundación público-privada que, pola súa natureza, é o lugar de acollida da memoria, cultura e identidade desta rexión viñateira declarada Patrimonio da Humanidade.

Tamén participaron os museos xestionados pola Xunta de Galicia para aportar as súas experiencias en relación á transmisión de valores culturais do seu patrimonio e aos servizos que ofrecen á súa contorna. Púxose como exemplo o Museo Massó de Bueu, pola dinamización dun centro nunha vila mariñeira a través das súas coleccións. Ademais, o Conxunto Etnográfico do Cebreiro é paradigma da vida tradicional na montaña e na súa relación e peso específico no Camiño de Santiago. Así o amosaron as súas directoras, Covadonga López e Elena Varela, respectivamente.

Entre as experiencias de centros museísticos de iniciativa privada no ámbito rural, contouse co Ecomuseo de Arxeriz do Saviñao (Lugo), a cargo do seu director José Antonio Quiroga; e da Colección Museográfica Viva e Integrada do Campo e a locomoción agraria MUVICLA de Láncara (Lugo), da man do promotor da colección, Marcos Vázquez. Durante a xornada, o presidente do padroado do Museo Comarcal da Fonsagrada tamén deu a coñecer a experiencia deste centro.

Os asistentes a estes coloquios coñeceron, así mesmo, experiencias de centros museísticos de xestión municipal.

Comparte