Nova: A nova sede da Fundación Manuel Moldes no edificio da Xunta abrirá as súas portas a finais de novembro
24/10/2023
A nova sede da Fundación Manuel Moldes no edificio da Xunta abrirá as súas portas a finais de novembro
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visita as obras de acondicionamento que se están levando a cabo para acoller a mostra inaugural
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe as obras de acondicionamento que se están levando a cabo no edificio da Xunta de Galicia en Pontevedra para acoller a nova sede da Fundación Manuel Moldes. Trátase dunha actuación que se realiza ao abeiro dun convenio de colaboración dotado con máis de 40.000€ que inclúe tamén a preparación dunha exposición inaugural con obras do artista.
Tal e como explicou o responsable autonómico da área de Cultura, a previsión é que a intervención remate nas vindeiras semanas para que a fundación abra as súas portas a finais de novembro. “A figura de Manuel Moldes é clave para comprender e explicar a arte feita en Galicia durante as últimas décadas por iso era importante dotar á súa fundación dunha sede á altura do seu legado”, engadiu Román Rodríguez.
Así mesmo, o conselleiro destacou o compromiso de Moldes coa arte galega. Foi membro da Real Academia de Belas Artes, integrante do colectivo renovador Atlántica e unha peza clave “como impulsor de vocacións artísticas” desde o seu traballo como profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
A creación desta nova sede é froito dun acordo entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Fundación Manuel Moldes, creada tras o pasamento do artista, para garantir a conservación do patrimonio do artista e contribuír á divulgación do seu legado artístico. Esta colaboración inclúe a cesión dun espazo na rúa Benito Corbal de Pontevedra, durante un mínimo de 20 anos e un máximo de 75, que permita albergar unha das producións máis prolíficas de arte contemporánea que se conservan en Galicia.